venres, 25 de decembro de 2009

martes, 22 de decembro de 2009

Recomendacións de lecturas do alumnado de 4º A


Nós (Puri, Raquel e Leticia)recomendámosvos o libro Jane Eyre,escrito por Charlotte Bröntte, xa que nós pensamos que é moi interesante. Trata dunha rapaza orfa que é maltratada á que chaman para ir estudar a un orfanato. Despois duns anos ela decide poñer un anuncio no xornal dicindo que busca un traballo de institutriz. Despois dun certo tempo, conseguiuno. De alí a un tempo tivo que deixar o seu traballo porque lle morreu unha tía. Jane Eyre acaba traballando para home rico, dono dun castelo enorme que tiña unha muller que estaba tola.Esta acabou queimando o enorme castelo. Ao final... lédeo e saberedes como remata. É moi bonito!!!!!



Iago recoméndavos O violín de Auschwitz para este Nadal. Nel cóntasenos a historia de Daniel, un home novo que traballa de carpinteiro e que foi internado nun campo de concentración, o de “Auschwitz”. As condicións de vida son infrahumanas e os castigos e a morte son compañeiros habituais dos presos que sobreviven nesta porta do inferno; o comandante do campo, Saukel, descobre o auténtico oficio de Daniel e decide poñelo a proba: faralle construír un violín, coas medidas dos Stradivarius, que ten que ser perfecto. Daniel, sen sabelo primeiro, é obxecto dunha aposta entre o comandante e o sádico médico da SS Rascher.



Lorena Castro recoméndanvos A regenta. A historia céntrase en Vetusta (cidade capital de provincia, moi identificable con Oviedo), onde a protagonista da obra, Ana Ozores, casa co antigo Rexente da Audiencia da cidade, Víctor Quintanar, home bondadoso pero maniático e moito máis vello ca ela. Véndose sentimentalmente abandonada, Ana Ozores empeza a ser cortexada polo donxoán provinciano Álvaro Mesía. Para completar o círculo, o cóengo maxistral, D. Fermín de Pas (confesor de Ana, tamén se namora da Rexenta e convértese en inconfesable rival de Mesía. Se o ledes veredes que a historia engancha, é moi romántica, mesmo parece unha telenovela. Parece moi longa pero lese ben.



Lorena Rial e almudena recoméndanvos Perdona si te llamo amor. Nel fala de Niki, unha moza madura e responsable que cursa o seu último ano de secundaria. Alessandro é un exitoso publicista de treinta e sete anos a quen acaba de deixar a súa noiva de toda a vida. A pesar dos vinte anos de diferenza que hai entre ambos e do abismo xeracional que os separa, Niki e Alessandro namoraranse tolamente e vivirán unha apaixonada historia de amor en contra de todas as convencións e prexuízos sociais.
Se o ledes veredes que todo el é chulísimo a pesar de que pareza estraño que un home de 37 anos se namore dunha adolescente. Gustounos non só a historia de amor, senón a de amizade entre o grupo de amigas. Tamén vos recomendamos a película.


Xa sabedes, se queredes ler este Nadal, recomendacións non vos faltan. Pero evidentemente, existen outros moitos libros máis. Collede calquera e a ler.

luns, 21 de decembro de 2009

Opinión de Luis

Pareceume moi entretida, pero un pouco monótona. É máis romántica ca navideña, anque tamén ten un pouco de humor. O que máis me gustou foi ao principio, cando elas querían as cousas para si mesmas pero acabaron por darllas á nai. O que menos cando a rapaza parecía que estaba a piques de morrer.

MARTÍN FALA DA PELÍCULA

A película aínda que antiga era boa, a historia das irmáns era un pouco triste a maís pequena morre e outra marcha para Nova York, mentres que outra vaise a Europa pero ó final da película volven estar todas xuntas. Esperaba que Lawrie acabara con
Joe

Proxección da película





Como xa vos dixemos, este venres proxectamos a película Mujercitas para o alumnado do club de lectura. En xeral gustoulles moito, máis ás rapazas que ós rapaces (dixeron que era demasiado "romántica" para eles). Cousas de mozos. Para que vexades que a nosa sala de cine estivo chea, aquí vos deixamos unhas fotos do evento.

venres, 18 de decembro de 2009

Martín dinos:

Moi bo o da vaca e o do narco disfrazado de Papa Noel.

Carta ás familias do noso alumnado

Estes días puxémonos en contacto coas familias do noso alumnado para animalas a formar parte deste club de lectura. Realmente gustaríanos moito que estivesen aquí con nós, que lesen cos seus fillos, netas, irmáns... Nin sequera é preciso que o alumno ou a alumna sexa membro de club, o interesante é que os rapaces vexan na casa a implicación das familias no ámbito escolar e que a lectura é un hábito cotián. Así que desde aquí, animamos a todos os pais, as nais, avoas e avós, irmáns, irmás ou quen sexa que viva na casa...

martes, 15 de decembro de 2009

Proxección da película

Este venres, durante as dúas últimas horas de clase, proxectaremos a película Mujercitas para o alumnado do club de lectura. Este era un dos dous libros de lectura opcional este mes. Xa vos contaremos se lles gustou a película. Bo Nadal.

venres, 11 de decembro de 2009

Opinión de un alumno sobre Contos de Nadal

Creo que este libro é moi útil para que os rapaces pequenos durman ben e mellor porque os contos fante durmir e soñar. Gustoume moito como o autor enfoca o tema do Nadal, con personaxes de hoxe en día. O que máis me gustou foi o primeiro "O namorado de María", sorprendeume que o bandido fose o pai do neno.

mércores, 9 de decembro de 2009

Enciclopedia de "O namorado de María"

Pensando sobre todo no alumnado máis novo do noso club, fixemos esta pequena enciclopedia do 1º dos contos do libro de Manuel Rivas, "O namorado de María", para axudarvos a entendelo.

Satie: Erik Satie (Calvados, 1866-París, 1925) foi un compositor e pianista francés. Cun estilo inclasificable, avanzou a ruptura formal e tonal da música contemporánea. Tamén se dedicou durante un tempo á música de cabaré. A súa obra é tan extravagante como a súa vida: conduta transgresora, carácter insoportable e intransixente, militou en confesións relixiosas das que era o único membro,… En 1924 apareceu nunha película de René Clair titulada Entreacto. Inventou a música de mobiliario, aquela composta especificamente para non ser escoitada, anticipando así a música ambiental dos espazos públicos. Baseou a súa obra no humor e na ironía. Só cando morreu, cando entraron no seu apartamento, os seus amigos viron a miseria na que vivía á que describía como “a rapaza de grandes ollos verdes”.

Ibsen: (Noruega, 1828-1906) Está considerado como o máis importante dramaturgo e poeta noruegués. É o pai do drama realista moderno. Na súa época as súas obras foron consideradas escandalosas, pero aínda hoxe seguen tendo vixencia. É un dos autores non contemporáneos máis representados hoxe en día. Escribiu obras como O pato silvestre, Peer Gynt, Espectros, Hedda Gabler, Inimigo do pobo… pero a máis importante de todas é Casa de bonecas. Nesta peza exponse a relación de sexos a través do matrimonio Helmer. Nora, a protagonista, converteuse en bandeira do feminismo, sobre todo a partir do seu final, cando Nora dá unha portada.
No relato de Manuel Rivas os protagonistas (Martín e Chefa) representaron a obra de teatro Casa de bonecas. Martín facía de Rank e Chefa de Nora.

Marqués de Queensberry: o noveno marqués de Queensberry chamábase John Sholto Douglas (1844-1900) foi o creador das regras do boxeo moderno. Nelas estableceu un límite de tres minutos para cada asalto e o reconto para os “fóra de combate” quedaron fixados en dez segundos. Tamén estableceu as diferentes categorías de peso da especialidade e o uso de guantes de boxeo “da mellor calidade e novos”.

Gary Cooper: (1901-1961) foi un actor estadounidense de ascendencia inglesa que gañou o premio Oscar en dúas ocasións polas películas Sarxento York de Howard Hawks e So ante o perigo de Fred Zinnemann. Tamén protagonizou os filmes O orgullo dos Yankis, Por quen dobran as campás, Adeus ás armas, A árbore do aforcado,… e así ata máis de cen películas. A súa popularidade baséase no seu estilo sobrio e natural á hora de actuar. Era alto e encarnaba mellor ca ninguén ao “americano ideal”, home íntegro e cabaleiroso.

Maquis: guerrilla antifascista de resistencia española, comezou durante a guerra civil.

Ditadura de Franco: correspóndese co período da historia de España na que o xeneral Franco goberna España baixo unha ditadura que elimina todo tipo de liberdades. Durou desde o ano 1939 (fin da guerra civil) ata 1975 (ano da morte do xeneral).

2ª Guerra Mundial: conflito bélico que comezou en 1939 e rematou en 1945. Nel enfrontáronse as potencias do Eixo (Alemaña, Italia e Xapón) contra os Aliados (Gran Bretaña, Francia, EEUU, etc.). Foi a guerra máis xeralizada e destrutiva que coñeceu a humanidade.

O Foucelllas: guerrileiro antifranquista que resitiu 16 anos fuxido no monte. Naceu en 1908 en Mesía (A Coruña). Detéñeno en 1952 a 200 metros da cova na que se refuxiaba, recibe varios impactos de bala nas extremidades, pois queríano coller vivo. Senténciano a morte no garrote vil. Máis información en http://www.vieiros.com/nova/24049/o-foucellas-guerrilleiro-e-mito-popular.

Tiziano: pintor italiano nacido en 1487. Dota as figuras dun sentimento de pena convincente, á vez que ordena os feitos con realismo e amosa as paisaxes con gran viveza. Realizou numerosos retratos que destacan por captar a psicoloxía do personaxe e polos detalles do vestiario e do escenario. Faleceu en 1576 en Venecia, vítima da peste. Podedes ver a súa obra en moitas páxinas web, entre elas http://pintura.aut.org/BU04?Autnum=11.154

mércores, 2 de decembro de 2009

Entrevista a Miguelanxo Prado

Aquí tedes unha entrevista que concedeu Miguelanxo Prado

luns, 30 de novembro de 2009

Ao pé da hortensia

Por que nos chamamos así? Se mirades calquera das fotos do grupo (na etiqueta Membros do club) poderedes ver que sempre nos reunimos ao pé dunhas hortensias que están no noso marabilloso xardín. Aínda que separadas pola enorma ventá que fai a vez de parede, elas sempre están presentes nas nosas xuntanzas.

domingo, 29 de novembro de 2009

QUEN É QUEN?






QUEN É QUEN?

O debuxante Manuel A. Marín ofreceunos, en exclusiva para nós, a súa visión dos personaxes de O hobbit. Aquí tedes unha selección. Sabedes que son? Son doados, ou non? As demais ilustracións verédelas no trivial que temos preparado sobre o libro.

luns, 23 de novembro de 2009

Miguelanxo Prado


Naceu na Coruña en 1958. A súa traxectoria artística iniciouse na década dos anos 80 en pleno auxe do cómic adulto, chegando a publicar algunhas historias nas mellores revistas da época, como Creepy, Comix Internacional, Zona 84, El Jueves, Cairo e Cimoc.
A principios dos 90 dedícase ao deseño de personaxes animados en televisión, para a televisión de Galicia no programa Xabarín Club e en Estados Unidos na serie Men in Black , producida por Steven Spielberg. Desde o ano 1998 é director do salón do cómic Viñetas desde el Atlántico na cidade da Coruña.
En 2005 viu publicada unha adaptación do capítulo 64 da segunda parte de El Quijote na obra colectiva Lanza en astillero.
No 2006 presentou De Profundis, a súa primeira longametraxe de animación. De profundis é a primeira película feita de pinturas ao óleo animadas.“É una gran metáfora de 75 minutos, un poema visual e musical”, como declarou o propio Prado. O filme non ten diálogos, unicamente poesía en off e a música de Nani García. Por iso, o director engade que a película “non quere convencer, senón suxerir. Non pretende impor a súa realidade ao espectador a través do prodixio técnico, senón conseguir a súa complicidade sentimental e estética”. “A quen lle aburra contemplar un atardecer durante 10 minutos, resultaralle aburrida a película”, avisa o debuxante.
O título De profundis, nada ten que ver coa novela epistolar de Oscar Wilde, senón que fai referencia ao lugar onde se sitúa a película: o fondo do mar. O argumento conta como un pintor viaxa como mariñeiro nun pesqueiro. Cando se desencadea unha tormenta, e unha onda xigantesca afunde a embarcación, a muller do pintor, desde a soidade da súa casa, intúe e presaxia a traxedia. É unha homenaxe ao mar, a nosa reserva de vida e esperanza, e símbolo dos nosos pesadelos e soños”.
Recoñecido internacionalmente e premiado en diferentes salóns especializados (Porto, Xenebra, Treviso, Barcelona, Angouleme, etc.) o seu traballo abarca os diferentes campos do grafismo e a ilustración, desde a pintura e o deseño gráfico ata colaboracións para televisión (Xabarín Club) ou prensa (na edición dominical de La Voz de Galicia, nas revistas Luzes de Galiza, Galicia Internacional e Tempos...).
A súa obra é ampla, moita dela coñecida por todos vós:
Fragmentos de la enciclopedia délfica (1982-1983), foi o seu primeiro libro publicado por capítulos na revista 1984, nela dinos como será a hipotética historia da humanidade nos próximos 10.000 anos.
Stratos (1984-1985): é una reflexión sobre os aspectos máis absurdos da nosa sociedade.
Crónicas Incongruentes (1985-1986) terceiro libro cheo de humor.
Quotidianía Delirante (1988, 1990 y 1996) conxunto de historias que, segundo el mesmo di, moitas lle sucederon persoalmente a el ou a amigos,e que nalgún caso foron esaxeradas adrede.
Tanxencias (1987-1996): fala das relacións sentimentais de personaxes máis ou menos acomodados da nosa sociedade.
Trazo de Tiza (1993): trátase de 16 selos que Correos sacou con ilustracións do autor. Fixeron unha tirada de un millón de selos que se esgotou axiña.
Pedro e o lobo (1997) é o primeiro libro feito para o público infantil, aínda que tamén é gozado polos adultos. Alterou o final do conto de Prokofief debido ás novas sensibilidades co problema medioambiental
The Sandman, Noites eternas foi un proxecto conxunto con Neil Gaiman (autor do guión)
A Mansión de los Pampín (2005) feita a petición do colexio de arquitectos de Galicia para abordar de xeito didáctico a problemática urbanística.
Bala Perdida (1996) onde le graficamente a obra de Manuel Rivas
Se queres saber máis sobre a súa obra podes visitar o seu blog: miguelanxoprado.com.

Contos de Nadal


O seguinte libro que imos ler nestes días ata as vacacións de Nadal é Contos de Nadal, de Manuel Rivas con ilustracións de Miguelanxo Prado, dúas persoas que representan o mellor de Galicia, e de fóra, nas súas respectivas artes.
Como xa puidestes ler no apartado “Falan con nós” este libro foinos recomendado pola escritora Rosa Aneiros quen cre que estas “oito historias nos entregan unha imaxe diferente desas festas e nos reconcilian co sabor dunha barra de pan. Os debuxos fermosos de Miguelanxo Prado aduban uns contos escritos coa mestría de Rivas, ese que escribe coa orella nunha buguina e cos dedos retorcendo migallas de fariña”. Xa che contaremos, Rosa.
E a todos vós tamén. Lede este libro canda nós e comentádenos as vosas impresións.

venres, 20 de novembro de 2009

Quen é Manuel Rivas?


Manuel Rivas naceu na Coruña en 1957. A súa actividade literaria é moi ampla pois é novelista, ensaísta e poeta. Ademais traballa como xornalista desde os quince anos, como meritorio en El Ideal Gallego. Estudou Ciencias da Información en Madrid. Foi subdirector de Diario de Galicia. Foi e segue sendo colaborador en diversos medios de comunicación galegos e españois: El País, El Ideal Gallego, Diario de Galicia e La voz de Galicia.
Como periodista estivo sempre comprometido cos problemas sociais e ecolóxicos, converténdose en socio fundador de Greenpeace. A súa actividade como defensor da natureza adquiriu unha importancia fundamental tralo desastre ecolóxico provocado polo afundimento do Prestige.
Está considerado como unha das voces máis sobresalientes da nosa literatura contemporánea, converténdose tamén nunha rara excepción dentro do panorama da literatura mundial. Polo seu manexo da linguaxe, a súa autenticidade, a tenrura das súas historias, a profunda resonancia poética da su palabra, os seus libros van ganando adeptos non só entre nós, senón entre o público americano. A súa obra literaria está escrita orixinalmente en galego. Rivas revolucionou a nosa literatura e fundou diversas revistas literarias.
Algunhas das súas obras foron adaptadas ao cine con gran éxito como: A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda), relato incluído en su novela Que me queres, amor?, ou O lapis do carpinteiro (Antón Reixa), que foi seleccionada para presentarse nos premios Goya da Academia española de cine.
Como poeta escribiu as seguintes obras: Libro de Entroido (1979), Balada nas praias do Oeste (1985), Mohicania (1987), Ningún cisne (1989) e O pobo da noite (1997).
Obras narrativas súas son: Todo ben (1985), Un millón de vacas (1989), premio da Crítica; Os comedores de patacas (1992), En salvaxe compaña (1994), Bala perdida (1996), Que me queres, amor? (1996), O lapis do carpinteiro (2001), Ela, maldita alma (1999), A man dos paíños (2000), Galicia, Galicia e A man do emigrante (2001), As chamadas perdidas (2003)
Tamén hai recompilacións de artigos e ensaios literarios como: O bonsai atlántico (1994), O periodismo é un conto (1997), Toxos e flores (1999), e Galicia, Galicia (2001).
Recibiu moitos premios, entre eles o Premio da Crítica en Galicia, o Premio Nacional de Narrativa, o Premio da Crítica Española, o Premio da sección belga de Amnistía Internacional, o Premio Torrente Ballester, o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente e o da Crítica.

xoves, 19 de novembro de 2009

Rosa Aneiros


Ola a todas e todos!

É un pracer acompañarvos neste inicio de camiño. Agora os pasos son aínda preguiceiros, os músculos non están afeitos ao cansazo e os pés tropezan turronamente contra as pedras. Pero axiña esqueceredes a lacazanería, as maniotas e as patadas, axiña o camiño se volverá amigo e os ollos voarán lixeiros por riba das palabras. Para ler o importante é crer e deixarse arrolar polas historias. Cómpre superar a barreira inicial da preguiza, de sentar diante do televisor, de falar polo móbil, de prender o ordenador. Logo, e despois de dous parágrafos xa a lectura nos atrapa e non nos deixa escapar. Vós xa destes esa primeira e importante alancada. Xa estades dentro dos libros. Agora gozade de cada palabra, de cada historia, de cada personaxe. E se algún non vos gusta, non rabiedes: hai millóns de libros máis con respostas non só aos vosos gustos, senón tamén ás vosas necesidades. Buscade, escollede, aprendede, gozade… Cada libro é un mundo coas portas abertas a que o descubrades así que só me queda desexarvos bo camiño!

Quería recomendarvos o libro Contos de Nadal, escrito por Manuel Rivas e con ilustracións de Miguelanxo Prado. Son oito historias que nos entregan unha imaxe diferente desas festas e nos reconcilian co sabor dunha barra de pan. Os debuxos fermosos de Miguelanxo Prado aduban uns contos escritos coa mestría de Rivas, ese que escribe coa orella nunha buguina e cos dedos retorcendo migallas de fariña. Xa me contaredes.


BIOBIBLIOGRAFÍA
Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación impresos e dixitais, entre eles culturagalega.org (sección “Agardando as lagarteiras”), Diario de Pontevedra, El Progreso, Galicia Hoxe, Diario de Ferrol (a través da axencia AGN), El País, Grial, Fadamorgana ou Casa da Gramática, ademais do programa “Un día por diante” da Radio Galega. En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre (2002), Resistencia (Xerais, 2003, oito edicións dende a súa publicación), O xardín da media lúa (Galaxia, 2004), Veu visitarme o mar (Xerais, 2004), Ás de bolboreta (Xerais 2009), Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil e Sol de Inverno (Xerais, 2009), Premio Xerais de Novela 2009. Ten publicados relatos nos volumes colectivos Narradoras (Xerais, 2000); Relatos (1999), Relatos gañadores do Pedrón de Ouro 1998-1999-2000 (2001) ), Seis ferroláns (2003), Alma de beiramar perdida (2003), Botella ao mar (2003) ou Narradio (Xerais, 2003). Conta, ademais, no seu haber con recoñecementos como o Modesto Rodríguez Figueiredo (Pedrón de Ouro, 1998); o Manuel Lueiro Rey (1996); o Manuel Murguía (2001), o Carvalho Calero (2001), o Premio Arcebispo Juan de San Clemente (2003), o Premio Careón 2006 ou o Premio da Crítica Losada Diéguez (2005), ademais do Premio Caixanova Francisco Fernández del Riego en 2007 polo artigo xornalístico “A última vaca”. Os seus artigos literarios están recollidos nos volumes Agardando as lagarteiras (culturagalega.org, 2003) e Ao pé do abismo (Xerais, 2007).

mércores, 11 de novembro de 2009

A proxección da película




Sorprendeunos ver algún personaxe doutra forma á como os tiñamos imaxinado: case ningún de nós os imaxinamos así. A casa/buraco de Bilbo era fantástica. Recoñecemos espisodios de O hobbit nese fragmento: cando conta aos nenos como morreron os trolls, o episodio do dragón, o anel,cando Gandalf e Bilbo fuman en pipa...
Gustounos a actividade e tamén o libro. Quedamos coas ganas de ver a película enteira. Mellor aínda: a triloxía toda!!!!!!!

venres, 6 de novembro de 2009

Opinión anónima

Son un membro do club de lectura e anívos a que leades o libro do hobbit que e moi interesante aínda que o principio aburre despois non ides poder deixalo q non ides ser capaces.
ANIMADEVOS!!!!!!!!!!

Opinión de Torcuato

Son Torcuato Rodríguez un membro do club de lectura.Estou lendo o hobbit e vou no capitulo 6º e por agora estame gustando.

Opinión de Paula

Son un dos miembros do club de lectura do ies de meanho, O Hobit e un libro moi interesante, o principio pareciame aburrido, pero logo o seguir lendo interesoume moito,animovos a que vos apuntedes o club de lectura e o pasemos ven todos xuntos con risas e festas que celebramos o final de cada libro.

Opinión de Sergio

Ola!!! Son Sergio Torres menbro do club de lectura estou lendo o libro do Hobbit e e divertido e interesante e eu animovos a que o leades anque a min non me gusta ler moito os libros este estame a gustar.

Opinión de Carlos

Son Carlos Gehrhardt Chaves e estou no clube de lectura e vou no capítulo 12. O libro por aora e moi interesante polo menos para min. Eu non son dos que leo moito pero anímovos a que leades este libro. O libro espero acabalo esta semana para saber como acaba.

Animovos a que o leades porque vos vai a gustar moito

xoves, 5 de novembro de 2009

Reunións

Desde que empezou o curso estamos reuníndonos todas as semanas nos segundos recreos dos mércores para aclarar as dúbidas que os membros do club van tendo q medida que van lendo o libro. Como podedes ver o primeiro libro é O hobbit de Tolkien (parece que lles está gustando).
Como complemento á lectura están as actividades do blog, pero tamén este luns proxectaremos a parte da película O señor dos aneis, na que se fai a presentación da vida dos hobbits. E o martes faremos a derradeira das reunións deste libro. Xa vos contaremos as impresións dos rapaces.
Ah! Xa somos máis. Hoxe entraron a formar parte do club 5 alumnas máis, todas de 4º. Benvidas!!!!! En total xa somos 16 alumnos e alumnas e algún que outro profesor.

martes, 3 de novembro de 2009

Benvida de Anxos Sumai



"Ola! Alégrame saber que queredes descubrir os millóns de mundos que existen dentro do libros. Porque cada libro é un novo universo que explorar. Porque ler é iniciar unha viaxe, é descubrir outras formas de pensar. Porque os libros tamén son películas de amor e videoxogos de aventuras. Ogallá leades con curiosidade e comentedes as lecturas con paixón. Ogallá prenda en vós a intriga e se vos poña esa cara parva da sorpresa. Ogallá xa non poidades vivir sen o delicioso pracer de ler.

Eu quero recomendarvos para o voso club a novela O libro das Alquimias de Xesús Constela. Con el, á parte de gozar dunha fabulosa historia, aprenderedes moito sobre os libros e as bibliotecas e descubrideres un personaxe fascinante: Hipatia de Alexandría, á que tamén podedes achegarvos na película Ágora de Alejandro Amenábar."


BIOBIBLIGRAFÍA

Anxos Sumai, escritora nacida na aldea de Oeste, en Catoira. Pubicou os libros Anxos ou diaños, Anxos da garda, Melodía de días usados, Así nacen as baleas, Perigosamente normais e Fedya Sergéevich derreteuse de amor. En 2004 foi Premio da Crítica Galicia. En 2007 gañou o Premio de Xornalismo Literario e de Opinión Roberto Blanco Torres polo seu espazo de opinión "Somos perigosamente normais", emitido semanalmente no Diario Cultural da Radio Galega durante o 2006. En 2007 recibiu o II Premio de Narrativa Breve Repsol YPF pola obra Así nacen as baleas, publicada por Editorial Galaxia, e o Premio á Autora do Ano concedido polos membros da Asociación Galega de Editores. Por este mesmo libro obtivo o Premio San Clemente, concedido por rapaces de diversos institutos galegos.

luns, 2 de novembro de 2009

Tolkien e O hobbit

John Ronald Reuel Tolkien nace o 3 de xaneiro de 1892 en Bloemfontein, Sudáfrica, aínda que seus pais son ingleses.
En 1895 súa nai (Mabel) leva aos fillos de regreso a Inglaterra. O pai (Arthur) queda en Sudáfrica e morre ao ano seguinte. En 1904 morre tamén súa madre aos 34 años, de diabetes.
Estudou en Oxford e licenciouse en 1915 con honores de primeira clase en lingua e literatura inglesas.
En 1916 casa con Edith Bratt, e con ela terá catro fillos: John, Michael, Christopher e Priscila. Loita na Primeira Guerra Mundial en Francia onde enferma da febre das trincheiras. Mentres está en el hospital, en 1917, comeza a escribir O Silmarillion.
Ao finalizar a guerra volve cos súa familia a Oxford, onde se incorpora ao equipo que prepara o New English Dictionary.
En 1925 Tolkien e E. V. Gordon publican Sir Gawain e o cabaleiro verde.
En 1936 termina O hobbit, que publicará ao ano seguinte. Pronto comeza a escribir unha secuela que acabará en 1948 e publicará en 1954: O señor dos aneis.
Outros libros del son: Exidio, o granxeiro de Ham (1949). As aventuras de Tom Bombadil (1962). Árbore e folla (1964). O ferreiro de Wootton e The road goes ever on (1967)
Morre o 2 de setembro de 1973 aos 81 anos de idade.
O Hobbit (The Hobbit)
A súa primeira obra coñecida en todo o mundo, que xurdiu como un conto para nenos; supuestamente independiente do mundo e da mitoloxía que creara, pero que en última instancia, tivo cabida na historia da Terra Media. O Hobbit ou "Historia de Unha Ida e Unha Volta" incursionou no mundo literario coa aparición do simpático hobbit Bilbo Bulseiro (Baggins), quen se lanza a unha emocionante aventura cun grupo de ananos exiliados e o recoñecidísimo mago Gandalf, en busca do tesouro dos ananos de Erebor, e a restauración do Reino Baixo a Montaña.

mércores, 28 de outubro de 2009

Existiron os hobbits?

O 'Homo Floresiensis'

No ano 2004 atopouse na illa de Flores, xunto a Madagascar, o esqueleto e o cranio dun homínido especialmente pequeno. Este descubrimento converteuse en todo un problema para a comunidade científica: tratábase dunha nova especie humana -unha especie de 'hobbits' tal e como os describiu Tolkien-? Ou era un homo sapiens con microencefalopatía? Ou un homínido primitivo máis próximo aos actuais simios que ao ser humano?

Novos achados posteriores na illa indonesia de Flores demostran que non eran uns ósos illados senón que alí, hai uns 18.000 anos viviu unha gran poboación destes “seres diminutos” de apenas un metro de altura.

Os restos atopados agora son similares aos primeiros encontrados, o que permite aos científicos non só asegurar que se trata de máis exemplares de Homo Floresiensis, senón constatar que a súa extremadamente baixa estatura non era por un problema físico do individuo encontrado no 2003, senón porque a especie era moi pequena.
Tras o descubrimento da primeira femia, houbo científicos que pensaron que non se trataba dunha nova especie humana, senón que podería tratarse simplemente dun pigmeo ou un ser humano afectado de microcefalia, cuns síntomas que son: un cerebro inusualmente pequeno e a miúdo ananismo.

Entón, os científicos encontraron restos do esqueleto dun só individuo, que deu nome á especie. Pertencía a un varón adulto de apenas un metro de estatura, capaz de andar de pé e cun cerebro do tamaño do dun chimpancé.
Segundo os datos recompilados ata agora polos científicos, os "seres diminutos" tiñan a cabeza pequena e sen queixo, os brazos longos en relación ao corpo, a pelve en forma de campá e extremidades robustas, parecidas ás dos chimpancés.
Vivían nun mundo poboado por ratas do tamaño de cans, enormes lagartos e elefantes pigmeos; destes últimos, chamados "Stegodon", encontráronse restos nunha das covas, con marcas de coitelo.
A nova especie encaixa xusto coa estraña fauna extinta de Flores, que foi o fogar dun amplo rango de arcaicas criaturas, extintas noutros lugares, a miúdo metamorfoseadas en formas ananas ou xigantes: entre eles inclúese unha forma anana do primitivo elefante Stegodon, ademais de dragóns de Komodo e aínda especies máis grandes do lagarto xigante.
A nova especie de ser humano viviu nun tempo no que poboacións residuais de 'Homo erectus' puideron ter vivido aínda nas proximidades de Xava, e na que a rexión enteira foi colonizada polo 'Homo sapiens'.



Información sacada do xornal El Mundo.

Máis fotos dos membros do club