martes, 3 de novembro de 2009

Benvida de Anxos Sumai



"Ola! Alégrame saber que queredes descubrir os millóns de mundos que existen dentro do libros. Porque cada libro é un novo universo que explorar. Porque ler é iniciar unha viaxe, é descubrir outras formas de pensar. Porque os libros tamén son películas de amor e videoxogos de aventuras. Ogallá leades con curiosidade e comentedes as lecturas con paixón. Ogallá prenda en vós a intriga e se vos poña esa cara parva da sorpresa. Ogallá xa non poidades vivir sen o delicioso pracer de ler.

Eu quero recomendarvos para o voso club a novela O libro das Alquimias de Xesús Constela. Con el, á parte de gozar dunha fabulosa historia, aprenderedes moito sobre os libros e as bibliotecas e descubrideres un personaxe fascinante: Hipatia de Alexandría, á que tamén podedes achegarvos na película Ágora de Alejandro Amenábar."


BIOBIBLIGRAFÍA

Anxos Sumai, escritora nacida na aldea de Oeste, en Catoira. Pubicou os libros Anxos ou diaños, Anxos da garda, Melodía de días usados, Así nacen as baleas, Perigosamente normais e Fedya Sergéevich derreteuse de amor. En 2004 foi Premio da Crítica Galicia. En 2007 gañou o Premio de Xornalismo Literario e de Opinión Roberto Blanco Torres polo seu espazo de opinión "Somos perigosamente normais", emitido semanalmente no Diario Cultural da Radio Galega durante o 2006. En 2007 recibiu o II Premio de Narrativa Breve Repsol YPF pola obra Así nacen as baleas, publicada por Editorial Galaxia, e o Premio á Autora do Ano concedido polos membros da Asociación Galega de Editores. Por este mesmo libro obtivo o Premio San Clemente, concedido por rapaces de diversos institutos galegos.

1 comentario:

  1. Moitas grazas polos ánimos, intentaremos achegarnos aos libros con esa paixón. Por suposto que leremos o libro de Xesús Constela ao longo do curso.

    ResponderEliminar