xoves, 27 de febreiro de 2014

Entrega do premio "Irmandade do libro" a Agustín Fernández Paz

Deixámosvos o vídeo da entrega do Premio "Irmandade do libro" á obra Non hai noite tan longa de Agustín Fernández Paz.

mércores, 26 de febreiro de 2014

Biografía de Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz naceu no ano 1947en Vilalba (Lugo). Perito Industrial Mecánico, Mestre de Ensino Primario e Licenciado en Ciencias da Educación, traballou como mestre de EXB (a actual Educación Primaria) en diferentes centros e como profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Os Rosais 2, de Vigo ata a súa prexubilación no 2008, ano en que gaña o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Entre 1988 e 1990 foi membro do Gabitete Julio Ferrera de Estudos para a Reforma Educativa, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, formando parte do equipo de Lingua que preparou os Deseños Curriculares para as etapas de Primaria e Secundaria. De 1990 a 1995, traballou como Coordinador Docente do Galego. Codirixe a Colección "Merlín" de literatura infantil e xuvenil. Preocupado pola renovación pedagóxica, foi membro fundador dos colectivos Avantar e Nova Escola Galega e participou na elaboración de numerosos materiais didácticos como as series Nobelos de Papel (para o ensino globalizado en galego no Ciclo Inicial), ¡Ámote, mundo! (para a Área de Experiencias), Canles, Labia e O noso galego / Lingua Galega para diferentes niveis escolares. Así mesmo é autor de numerosos traballos sobre a normalización lingüística no ensino, a didáctica da lingua, a promoción da lectura, a literatura infantil ou a introdución dos medios de comunicación nas aulas, publicados en xornais e revistas (As Roladas, Cuadernos de Pedagogía, Revista Galega de Educación, CLIJ, Signos, Textos, e Revista Galega do Ensino, na que se encargou durante varios anos da sección sobre a literatura infantil-xuvenil O pracer de ler). Polo conxunto dos seus escritos sobre cómics concedéuselle, en 1992, o "Premio Ourense de Banda Deseñada". A súa obra, merecente de abundantes premios e recoñecementos (Merlín, Lazarillo, Edebé Juvenil, Rañolas, Raíña Lupa, Protagonista Jove, Lista de Honra do IBBY, etc.), e amplamente traducida a diversas linguas, constitúe un referente incuestionable da literatura infantil-xuvenil galega. Algúns dos seus libros máis coñecidos son: • A cidade dos desexos, 1989 (novela infantil) • As flores radiactivas, 1990 (novela xuvenil) • Contos por palabras, 1991 (narrativa xuvenil). Premio Lazarillo. Seleccionada pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez como unha das cen mellores obras da literatura infantil española do século XX. • Cartas de inverno, 1995 (novela xuvenil) • Amor dos quince anos, Marilyn, 1995 (novela xuvenil) • O centro do labirinto, 1997 (novela xuvenil) • Noite de voraces sombras, 2002 (novela xuvenil) • O meu nome é Skywalker Premio Barco de Vapor • Tres pasos polo misterio, 2004 • Aire negro, 2001 • Corredores de sombra, 2006 (Novela xuvenil) • O único que queda é o amor, 2007 Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil • Non hai noite tan longa , 2011

"Non hai noite tan longa" de Austín Fernández Paz

Este é o novo libro para estas primeiras semanas do ano. Sabemos que é un libro de adultos pero por iso vos imos dar máis tempo para lelo. Ánimo que é precioso e ten unha intriga moi emocionante.