xoves, 31 de maio de 2012

Viven

O libro Viven. La tragedia de los Andes de Piers Paul Read conta a historia dos membros dun equipo de rugby que, tras un accidente aéreo, tiveron que sobrevivir nos Andes comendo carne humana, neste caso apreciamos a loita interna e o desexo de perdón divino polo que van comer.

As viaxes mariñas

Na nosa exposición erguemos unha mesa relacionada co mar, e que enlazaba con A illa do tesouro, a través dos libros Los tres viajes alredor del mundo de James Cook, Diario del viaje de un naturalista alrededor del mundo de Charles R. Darwin, Robinson Crusoe de Daniel Defoe e Moby Dick de Herman Melville para amosar a comida que se come noutras zonas ou por necesidade. Con Moby Dick aprendemos a comer e ver as propiedades da carne de balea e decatámonos que para certos pobos é como o porco para nós: aprovéitase todo, de feito a esta sección chamámoslle "O porquiño inuit". Darwin e Cook achegáronnos a outros alimentos menos apetecibles: carne de can (que segundo dicían os seus mariñeiros era saborosísima) e carne humana (como último recurso para evitar a morte). Costumes culinarios doutros pobos que resultan chocantes para nós. Robinson Crusoe alimentouse durante o seu illamento do mundo de ovos de tartaruga, importante fonte de proteínas.
Evidentemente, durante a lectura destes libros non levamos ningún destes manxares, pero case: Cook falábanos de como os seus mariñeiros e el mesmo gozaron co can asado; nós ese día tamén comemos can, canciños quentes: salchichiñas metidas en panciños que se esgotaron rapidamente. Que bos estaban! Darwin, igual ca Cook no seu libro, falaba de como os habitantes de Tierra de Fuego comían, nos momentos do máis cru inverno, ás vellas da tribo. Creremos isto? Ninguén estaba disposto a sacrificar a súa avoa, así que comemos cabeciñas, brazos, bocas, ósos,... de gominola. E mentres lemos Robinson Crusoe devoramos tamén ovos, pero non de tartaruga, senón de chocolate.

martes, 29 de maio de 2012

Son as cinco. Tomamos un té?

Este foi o título da sección das infusións: té e café. Aínda que tamén mencionamos o xenxibre cando lemos o libro de Moby Dick, pois nun determinado momento da viaxe, ofréceselle a un mariñeiro que estivo a piques de morrer unha infusión de xenxibre, o que provocou un ataque de rabia no pobre agonizante. Pero as infusións que relamente tiveron a súa proia mesa foron o café e o té. Para falar do café escollemos o libro de Julio Verne Cinco semanas en globo. No capítulo XII deste libro mentres están no globo dise: "- Comede señores -dixo Joe-, mentres eu, ao mesmo tempo que vos imito, vou preparar un café do que me falaredes despois de que o tomedes. - O feito é -repuxo o doutor- que Joe, amén de mil virtudes, ten un talento especialísimo para preparar esta bebida deliciosa, que compón cunha mestura de varias procedencias que nunca me quixo dar a coñecer. - Pois ben, meu amo, á altura en que nos atopamos, podo confiarlle a miña receita. Redúcese todo simplemente a mesturar partes iguais de moka e bourbon. Poucos instantes despois, tres fumeantes e aromáticas cuncas servían de punto final a un xantar substancioso e sazonado polo bo humor dos comensais, e despois cada cal volveu ao seu punto de observación". Como vedes na imaxe ademais dos sacos de café e as cuncas colocamos o globo (foi a sensación da exposición) no que ían os protagonistas do libro.
Tamén informamos sobre como entrou o café na nosa historia a través dos árabes e como estes tomaban o café machucado e mesturado con graxa, formando unhas bólas que ían comendo, e non en infusión como facemos nós hoxe en día. A outra infusión destacada foi, como non, o té. Para falar del escollemos o cómic Asterix en Bretaña de R. Goscinny e A. Uderzo. É un libro fantástico e ao longo del descubrimos como os bretóns paran a guerra para tomar... auga fervida! De non ser por Panoramíx e Asterix nunca lle terían botado esas herbiñas chamadas té á auga fervida. Un xeito divertido de achegarse a esta tradición. Para ampliar información colocamos carteis que falaban da orixe do té, de como chegou ás Illas Británicas e de aí ao resto de Europa.
Durante a lecturas dos fragmentos destes libros comemos o que mellor acompaña ao té ou a calquera outra infusión: pastas!!! con grande éxito por certo.

A importancia do almorzo

Outra das mesas da nosa exposición está dedicada ao almorzo. Para nós era moi importante salientar a importancia desta primeira comida do día entre o alumnado, debido a que é a que nos dá enerxía, favorece a nosa concentración e posibilita, deste xeito, un maior rendemento escolar. Para falar deste tema escollemos o libro Los cinco se escapan de Enid Blyton, concretamente o capítulo XVII "Un disgusto para Edgar", no que se pode ler: "Os rapaces durmiron ben aquela noite, e como Tim non gruñiu estiveron seguros de que nada particular ocorrera. Almorzaron magnificamente, con lingua de porco, pan con manteiga, melocotóns en conserva e cervexa. - Estase acabando a cervexa –dixo Xulián, contrariado-. É a mellor bebida que hai. - Este foi o mellor ágape que tiven na miña vida –dixo Ana-. Realmente o mellor. Na illa Kirrin comemos moi ben. Pregúntome se os Stick farán tan boas comidas coma nós." Na imaxe podedes ver como quedou a mesa do almorzo.
Na información adicional lembramos o importante que é esta primeira comida do día e deixamos claras as diferenzas entre o full english breakfast e o almorzo continental. Quedaron claras as diferenzas culturais en canto á comida: como se pode almorzar touciño entrefebrado, ovos fritidos, salchichas, xudías brancas,... Haberá que probalo un día!!!

Comemos maná?

Seguimos coa exposición "Devora un libro... aliméntate de historias" falando agora do maná, tal e como aparece no libro do Éxodo, capítulo 16 ("Os paspallás e o maná"), versículo 13: "Sucedeu, en efecto, que pola tarde subiron os paspallás e cubriron o campamento, e pola mañá había unha capa de orballo arredor do campo. Evaporada a capa de orballo, velaquí que había sobre a superficie do deserto unha cousa delgada a xeito de escamas, delgada como a xeada sobre a terra. Cando a viron os fillos de Israel, dixéronse uns os outros: “Que é? (man-hu’)”. Como non sabían o que era, Moisés díxolles: “É o pan que vos deu Jahveh para alimento. Esta é a orde que formulou Jahveh: Recollede del cada un segundo o seu propio apetito: un ‘ómer por cabeza, ao talle do número das vosas persoas; cada un recolleredes para a xente que haxa na vosa tenda”. Os israelitas fixérono así, e recolleron uns máis e outros menos. Despois medírono co ‘ómer, e nin andou sobrado quen recolleu moito, nin quen pouco recolleu padeceu escaseza. Cada un recollera segundo o seu apetito. Díxolles Moisés: “Ninguén deixe para a mañá seguinte!”. Mais non escoitaron a Moisés e algúns deixárono para o día seguinte, pero criou bichos e fedeu; e Moisés irritouse contra eles. Recollíano, pois, todas as mañás, cada un segundo o que comía, e cando quecía o sol, derretíase."
Na foto podedes apreciar a nosa Biblia enriba dun aparatoso atril, como manda a seriedade do tema, que está cuberto do noso particular maná: areas de sal Maldon. Na parede puxemos un cartel informativo sobre o que podería ser o maná e como aparece tamén noutros textos relixiosos. Durante a lectura deste fragmento tivemos que substituír o maná por simple pan.

mércores, 16 de maio de 2012

Comidas fantásticas ou non?

No apartado das comidas fantásticas incluímos por un lado o pan élfico ou pan de lembas que aparece descrito no libro de O señor dos aneis de Tolkien no capítulo 8 "Adeus a Lorien"; nel dise: "(...) A comida consistía principalmente en galletas, preparadas cunha fariña que estaba un pouco torrada por fóra e que por dentro tiña unha cor de crema. Gimli tomou unha das galletas e mirouna con ollos dubidosos. -Cram -dixo a media voz mentres mordisqueaba unha punta crebadiza. A expresión do anano cambiou rapidamente e comeu todo o resto da galleta saboreándoa con delectación. -¡Basta, basta! -gritaron os elfos rindo-. Comeches suficiente para toda unha xornada. -Pensei que era só unha especie de cram, como os que preparan os Homes do Val para viaxar polo deserto -dixo o anano. -Así é, responderon os elfos-. Pero nós chamámolo lembas ou pan do camiño e é máis fortificante ca calquera comida preparada polos homes e é máis agradable có cram, desde calquera punto de vista. -Por certo -dixo Gimli-. En realidade é mellor cós biscoitos de mel dos Beórnidas e isto é un gran eloxio, pois non coñezo panadeiros mellores. Aínda que estes días non parecen estar interesados en darlles biscoitos aos viaxeiros. ¡Sodes anfitrións moi amables! -De calquera xeito, aconsellámosvos que coidades da comida -dixeron os elfos- comede pouco de cada vez e só cando sexa necesario. Pois dámosvos estas cousas para que vos sirvan cando falte todo o demais. As galletas conservaranse frescas moitos días, se as gardades enteiras e nas envolturas de follas en que as trouxemos. Unha soa chega para que un viaxeiro aguante en pé toda unha dura xornada, aínda que sexa un home alto de Minas Tirith." É dicir, o pan de lembas sería o que hoxe coñecemos como barriñas enerxéticas. Así que no lugar da exposición aclaramos este punto e explicamos o valor nutritivo que teñen estas barriñas. Por suposto o día da lectura comemos barriñas enerxéticas, mesmo de sabores: as de máis éxito foron as de chocolate e amorodos.

xoves, 10 de maio de 2012

Os doces

A literatura tamén bota man dos deliciosos doces. Nós utilizamos dúas obras literarias como exemplo deste feito. Por un lado O pudding de Nadal de Agatha Christie e polo outro O hobbit de J.R.R. Tolkien. En O pudding de Nadal, no capítulo IV descríbese a cea de Nadal á que asiste monsieur Poirot, o famoso detective, e dinos "O momento supremo chegara. O pudding de Nadal foi levado ao comedor con toda a pompa. (...) Nunha bandexa de prata o pudding de Nadal repousaba en toda a súa gloria. Un pudding enorme, cunha ramiña de acivro prendida nel como unha bandeira triunfal e rodeado de gloriosas labaradas azuis e vermellas. Oíronse gritos de ledicia e pasmo. "E a escena continúa cos comensais saboreando cada anaquiño do pudding. Que delicia. Menos mal que mentres liamos na biblioteca este fragmento tiñamos diante para saborear outro pudding, aínda que non de Nadal, do que non quedou nin unha miguiña. Aquí vos deixo uns testemuños gráficos do momento con Paola lendo o fragmento seleccionado:
Esta é a mesa da exposición deste libro:
O outro libro era O hobbit de Tolkien. Para os que o lestes, sabedes que xa ao inicio, Bilbo Bolsón recibe unha inesperada visita de nada menos que de 13 ananos. Imaxinádesvos que empezan a petar na porta da vosa casa e empezan a chegar descoñecidos, métensevos na casa e pídenvos de comer? Pobre Bilbo Bolsón! Os ananos Dwalin, Balin, Kili, Fili, Dori, Nori, Ori, Oin, Gloin, Bifur, Bofur, Bombur e Thorin empezaron a pedir lle algo de comer e beber. Bilbo sérvelles te, cervexa e viño tinto con pasteis de sementes, bolos de manteiga, marmelada de frambuesa, torta de mazá, pasteis de carne e queixo, galletas... E aínda así, despois de semellante enchente, quedan a cear. Esgotáronlle as reservas de comida de Bilbo. Esta é a mesa na que está exposto o libro de O hobbit (xunto co de O señor dos aneis, do que falaremos outro día)
Na exposición puxemos carteis que falan da historia das sobremesas, sobre todo dos doces, con cousas tan curiosas como a orixe dos xeados (neve das montañas que se adozaba con mel) ou do chocolate; como se dicía que os doces ennegrecían os dentes, motivo polo que se deixaban para o final das comidas...

martes, 8 de maio de 2012

Reunión do 3º trimestre: poesía

O pasado xoves reunímonos de novo os hortensianos para repartir os libros deste trimestre, que imos dedicar á poesía. Cadaquén colleu o libro que máis lle gustou, e este xoves volveremos a vernos para recitar ese poema que nos chegou ao corazón. A variedade de libros de poesía é ampla, tanto en galego coma en castelán; entre outros levaron: Ventos de García Teijeiro, Poetízate , antoloxía seleccionada por Fran Alonso, Las cuatro estaciones , antoloxía poética da editorial Vicens Vives; Na fogueira dos versos de García Teijeiro e La rosa de los vientos, outra antoloxía seleccionada por Juan Ramón Torregrosa.

Froitas e verduras

Seguimos coa exposición "Aliméntate de historias... devora un libro"... na que tamén demos entrada ás froitas e verduras desde distintos libros. Un deles é La joven de la perla de Tracy Chevalier, que nos marabillou coas visión que a rapaza ten das cores a través das verduras que ela prepara para a comida. Este fragmento deunos pé para falar de Vermeer, do círculo cromático e da aparición da comida en todas as facetas humanas. Velaquí a foto da exposición, na que ademais do libro hai carteis que explican as propiedades de diversas froitas, o uso da cor na pintura e algún dato de Vermeer.
Ese día, como non, comemos froita durante a lectura, en concreto saborosísimas laranxas. Tamén fala da importancia da froita o libro A illa do tesouro de Robert Louis Stevenson, cando o rapaz se agocha no barril de mazás mentres os piratas artellan o seu plan para tomar o barco. Ese fragmento deunos pé a falar da importancia do consumo de froita fresca para evitar certas enfermidades como o escorbuto. Na exposición puxemos o seu barril, as mazás e debuxos ilustrativos do libro, ademais de carteis que explicaban a importancia do consumo de froita. Tamén ese día, durante a lectura, se comeu froita; que froita sería?
O relato da condesiña incluído no libro Cousas de Castelao ten como protagonista non á condesiña, senón ás cereixas. É un brevísimo e fermosísimo relato que nos conta a morte da condesiña enterrada nun panteón magnífico dentro dunha igrexa. A lenda popular fala de morte por amor; pero un día os ilustrados da vila abren o panteón e descobren, entre as roupas farrapentas, unha morea de caguñas de cereixa, sentenciando que a condesiña do que morreu foi dunha enchente de cereixas. Como di o relato... hai homes que non saben calar! Pero a nós deunos por pensar: pódese morrer dunha enchente de cereixas? Ninguén de nós fixo a proba, pero investigamos ata descubrir que na semente que hai dentro da caguña hai cianuro!!!, en moi pequena cantidade e que non dá para matar a ninguén. De todos xeitos coidado coas pebidas que son moi indixestas!!!
Esta é a nosa particular condesiña, con información sobre o cianuro e as pebidas. Como podedes ver, colocamos o libro de Castelao entre as súas mans, e a algún alumno custoulle un pouco arrincarllo da man para ler a historia. Por certo, o noso panteón está xusto na entrada do instituto, así que dá un pouco "aquel" atopalo así de fronte.

mércores, 2 de maio de 2012

Reunión

Convócase aos membros do club de lectura a unha reunión mañá xoves no 2º recreo na biblioteca do centro. Esperámovos ver a todas e todos. Ata entón... lede!