xoves, 31 de maio de 2012

As viaxes mariñas

Na nosa exposición erguemos unha mesa relacionada co mar, e que enlazaba con A illa do tesouro, a través dos libros Los tres viajes alredor del mundo de James Cook, Diario del viaje de un naturalista alrededor del mundo de Charles R. Darwin, Robinson Crusoe de Daniel Defoe e Moby Dick de Herman Melville para amosar a comida que se come noutras zonas ou por necesidade. Con Moby Dick aprendemos a comer e ver as propiedades da carne de balea e decatámonos que para certos pobos é como o porco para nós: aprovéitase todo, de feito a esta sección chamámoslle "O porquiño inuit". Darwin e Cook achegáronnos a outros alimentos menos apetecibles: carne de can (que segundo dicían os seus mariñeiros era saborosísima) e carne humana (como último recurso para evitar a morte). Costumes culinarios doutros pobos que resultan chocantes para nós. Robinson Crusoe alimentouse durante o seu illamento do mundo de ovos de tartaruga, importante fonte de proteínas.
Evidentemente, durante a lectura destes libros non levamos ningún destes manxares, pero case: Cook falábanos de como os seus mariñeiros e el mesmo gozaron co can asado; nós ese día tamén comemos can, canciños quentes: salchichiñas metidas en panciños que se esgotaron rapidamente. Que bos estaban! Darwin, igual ca Cook no seu libro, falaba de como os habitantes de Tierra de Fuego comían, nos momentos do máis cru inverno, ás vellas da tribo. Creremos isto? Ninguén estaba disposto a sacrificar a súa avoa, así que comemos cabeciñas, brazos, bocas, ósos,... de gominola. E mentres lemos Robinson Crusoe devoramos tamén ovos, pero non de tartaruga, senón de chocolate.

Ningún comentario:

Publicar un comentario