martes, 29 de maio de 2012

Son as cinco. Tomamos un té?

Este foi o título da sección das infusións: té e café. Aínda que tamén mencionamos o xenxibre cando lemos o libro de Moby Dick, pois nun determinado momento da viaxe, ofréceselle a un mariñeiro que estivo a piques de morrer unha infusión de xenxibre, o que provocou un ataque de rabia no pobre agonizante. Pero as infusións que relamente tiveron a súa proia mesa foron o café e o té. Para falar do café escollemos o libro de Julio Verne Cinco semanas en globo. No capítulo XII deste libro mentres están no globo dise: "- Comede señores -dixo Joe-, mentres eu, ao mesmo tempo que vos imito, vou preparar un café do que me falaredes despois de que o tomedes. - O feito é -repuxo o doutor- que Joe, amén de mil virtudes, ten un talento especialísimo para preparar esta bebida deliciosa, que compón cunha mestura de varias procedencias que nunca me quixo dar a coñecer. - Pois ben, meu amo, á altura en que nos atopamos, podo confiarlle a miña receita. Redúcese todo simplemente a mesturar partes iguais de moka e bourbon. Poucos instantes despois, tres fumeantes e aromáticas cuncas servían de punto final a un xantar substancioso e sazonado polo bo humor dos comensais, e despois cada cal volveu ao seu punto de observación". Como vedes na imaxe ademais dos sacos de café e as cuncas colocamos o globo (foi a sensación da exposición) no que ían os protagonistas do libro.
Tamén informamos sobre como entrou o café na nosa historia a través dos árabes e como estes tomaban o café machucado e mesturado con graxa, formando unhas bólas que ían comendo, e non en infusión como facemos nós hoxe en día. A outra infusión destacada foi, como non, o té. Para falar del escollemos o cómic Asterix en Bretaña de R. Goscinny e A. Uderzo. É un libro fantástico e ao longo del descubrimos como os bretóns paran a guerra para tomar... auga fervida! De non ser por Panoramíx e Asterix nunca lle terían botado esas herbiñas chamadas té á auga fervida. Un xeito divertido de achegarse a esta tradición. Para ampliar información colocamos carteis que falaban da orixe do té, de como chegou ás Illas Británicas e de aí ao resto de Europa.
Durante a lecturas dos fragmentos destes libros comemos o que mellor acompaña ao té ou a calquera outra infusión: pastas!!! con grande éxito por certo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario