martes, 8 de maio de 2012

Froitas e verduras

Seguimos coa exposición "Aliméntate de historias... devora un libro"... na que tamén demos entrada ás froitas e verduras desde distintos libros. Un deles é La joven de la perla de Tracy Chevalier, que nos marabillou coas visión que a rapaza ten das cores a través das verduras que ela prepara para a comida. Este fragmento deunos pé para falar de Vermeer, do círculo cromático e da aparición da comida en todas as facetas humanas. Velaquí a foto da exposición, na que ademais do libro hai carteis que explican as propiedades de diversas froitas, o uso da cor na pintura e algún dato de Vermeer.
Ese día, como non, comemos froita durante a lectura, en concreto saborosísimas laranxas. Tamén fala da importancia da froita o libro A illa do tesouro de Robert Louis Stevenson, cando o rapaz se agocha no barril de mazás mentres os piratas artellan o seu plan para tomar o barco. Ese fragmento deunos pé a falar da importancia do consumo de froita fresca para evitar certas enfermidades como o escorbuto. Na exposición puxemos o seu barril, as mazás e debuxos ilustrativos do libro, ademais de carteis que explicaban a importancia do consumo de froita. Tamén ese día, durante a lectura, se comeu froita; que froita sería?
O relato da condesiña incluído no libro Cousas de Castelao ten como protagonista non á condesiña, senón ás cereixas. É un brevísimo e fermosísimo relato que nos conta a morte da condesiña enterrada nun panteón magnífico dentro dunha igrexa. A lenda popular fala de morte por amor; pero un día os ilustrados da vila abren o panteón e descobren, entre as roupas farrapentas, unha morea de caguñas de cereixa, sentenciando que a condesiña do que morreu foi dunha enchente de cereixas. Como di o relato... hai homes que non saben calar! Pero a nós deunos por pensar: pódese morrer dunha enchente de cereixas? Ninguén de nós fixo a proba, pero investigamos ata descubrir que na semente que hai dentro da caguña hai cianuro!!!, en moi pequena cantidade e que non dá para matar a ninguén. De todos xeitos coidado coas pebidas que son moi indixestas!!!
Esta é a nosa particular condesiña, con información sobre o cianuro e as pebidas. Como podedes ver, colocamos o libro de Castelao entre as súas mans, e a algún alumno custoulle un pouco arrincarllo da man para ler a historia. Por certo, o noso panteón está xusto na entrada do instituto, así que dá un pouco "aquel" atopalo así de fronte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario