venres, 25 de decembro de 2009

martes, 22 de decembro de 2009

Recomendacións de lecturas do alumnado de 4º A


Nós (Puri, Raquel e Leticia)recomendámosvos o libro Jane Eyre,escrito por Charlotte Bröntte, xa que nós pensamos que é moi interesante. Trata dunha rapaza orfa que é maltratada á que chaman para ir estudar a un orfanato. Despois duns anos ela decide poñer un anuncio no xornal dicindo que busca un traballo de institutriz. Despois dun certo tempo, conseguiuno. De alí a un tempo tivo que deixar o seu traballo porque lle morreu unha tía. Jane Eyre acaba traballando para home rico, dono dun castelo enorme que tiña unha muller que estaba tola.Esta acabou queimando o enorme castelo. Ao final... lédeo e saberedes como remata. É moi bonito!!!!!



Iago recoméndavos O violín de Auschwitz para este Nadal. Nel cóntasenos a historia de Daniel, un home novo que traballa de carpinteiro e que foi internado nun campo de concentración, o de “Auschwitz”. As condicións de vida son infrahumanas e os castigos e a morte son compañeiros habituais dos presos que sobreviven nesta porta do inferno; o comandante do campo, Saukel, descobre o auténtico oficio de Daniel e decide poñelo a proba: faralle construír un violín, coas medidas dos Stradivarius, que ten que ser perfecto. Daniel, sen sabelo primeiro, é obxecto dunha aposta entre o comandante e o sádico médico da SS Rascher.



Lorena Castro recoméndanvos A regenta. A historia céntrase en Vetusta (cidade capital de provincia, moi identificable con Oviedo), onde a protagonista da obra, Ana Ozores, casa co antigo Rexente da Audiencia da cidade, Víctor Quintanar, home bondadoso pero maniático e moito máis vello ca ela. Véndose sentimentalmente abandonada, Ana Ozores empeza a ser cortexada polo donxoán provinciano Álvaro Mesía. Para completar o círculo, o cóengo maxistral, D. Fermín de Pas (confesor de Ana, tamén se namora da Rexenta e convértese en inconfesable rival de Mesía. Se o ledes veredes que a historia engancha, é moi romántica, mesmo parece unha telenovela. Parece moi longa pero lese ben.



Lorena Rial e almudena recoméndanvos Perdona si te llamo amor. Nel fala de Niki, unha moza madura e responsable que cursa o seu último ano de secundaria. Alessandro é un exitoso publicista de treinta e sete anos a quen acaba de deixar a súa noiva de toda a vida. A pesar dos vinte anos de diferenza que hai entre ambos e do abismo xeracional que os separa, Niki e Alessandro namoraranse tolamente e vivirán unha apaixonada historia de amor en contra de todas as convencións e prexuízos sociais.
Se o ledes veredes que todo el é chulísimo a pesar de que pareza estraño que un home de 37 anos se namore dunha adolescente. Gustounos non só a historia de amor, senón a de amizade entre o grupo de amigas. Tamén vos recomendamos a película.


Xa sabedes, se queredes ler este Nadal, recomendacións non vos faltan. Pero evidentemente, existen outros moitos libros máis. Collede calquera e a ler.

luns, 21 de decembro de 2009

Opinión de Luis

Pareceume moi entretida, pero un pouco monótona. É máis romántica ca navideña, anque tamén ten un pouco de humor. O que máis me gustou foi ao principio, cando elas querían as cousas para si mesmas pero acabaron por darllas á nai. O que menos cando a rapaza parecía que estaba a piques de morrer.

MARTÍN FALA DA PELÍCULA

A película aínda que antiga era boa, a historia das irmáns era un pouco triste a maís pequena morre e outra marcha para Nova York, mentres que outra vaise a Europa pero ó final da película volven estar todas xuntas. Esperaba que Lawrie acabara con
Joe

Proxección da película





Como xa vos dixemos, este venres proxectamos a película Mujercitas para o alumnado do club de lectura. En xeral gustoulles moito, máis ás rapazas que ós rapaces (dixeron que era demasiado "romántica" para eles). Cousas de mozos. Para que vexades que a nosa sala de cine estivo chea, aquí vos deixamos unhas fotos do evento.

venres, 18 de decembro de 2009

Martín dinos:

Moi bo o da vaca e o do narco disfrazado de Papa Noel.

Carta ás familias do noso alumnado

Estes días puxémonos en contacto coas familias do noso alumnado para animalas a formar parte deste club de lectura. Realmente gustaríanos moito que estivesen aquí con nós, que lesen cos seus fillos, netas, irmáns... Nin sequera é preciso que o alumno ou a alumna sexa membro de club, o interesante é que os rapaces vexan na casa a implicación das familias no ámbito escolar e que a lectura é un hábito cotián. Así que desde aquí, animamos a todos os pais, as nais, avoas e avós, irmáns, irmás ou quen sexa que viva na casa...

martes, 15 de decembro de 2009

Proxección da película

Este venres, durante as dúas últimas horas de clase, proxectaremos a película Mujercitas para o alumnado do club de lectura. Este era un dos dous libros de lectura opcional este mes. Xa vos contaremos se lles gustou a película. Bo Nadal.

venres, 11 de decembro de 2009

Opinión de un alumno sobre Contos de Nadal

Creo que este libro é moi útil para que os rapaces pequenos durman ben e mellor porque os contos fante durmir e soñar. Gustoume moito como o autor enfoca o tema do Nadal, con personaxes de hoxe en día. O que máis me gustou foi o primeiro "O namorado de María", sorprendeume que o bandido fose o pai do neno.

mércores, 9 de decembro de 2009

Enciclopedia de "O namorado de María"

Pensando sobre todo no alumnado máis novo do noso club, fixemos esta pequena enciclopedia do 1º dos contos do libro de Manuel Rivas, "O namorado de María", para axudarvos a entendelo.

Satie: Erik Satie (Calvados, 1866-París, 1925) foi un compositor e pianista francés. Cun estilo inclasificable, avanzou a ruptura formal e tonal da música contemporánea. Tamén se dedicou durante un tempo á música de cabaré. A súa obra é tan extravagante como a súa vida: conduta transgresora, carácter insoportable e intransixente, militou en confesións relixiosas das que era o único membro,… En 1924 apareceu nunha película de René Clair titulada Entreacto. Inventou a música de mobiliario, aquela composta especificamente para non ser escoitada, anticipando así a música ambiental dos espazos públicos. Baseou a súa obra no humor e na ironía. Só cando morreu, cando entraron no seu apartamento, os seus amigos viron a miseria na que vivía á que describía como “a rapaza de grandes ollos verdes”.

Ibsen: (Noruega, 1828-1906) Está considerado como o máis importante dramaturgo e poeta noruegués. É o pai do drama realista moderno. Na súa época as súas obras foron consideradas escandalosas, pero aínda hoxe seguen tendo vixencia. É un dos autores non contemporáneos máis representados hoxe en día. Escribiu obras como O pato silvestre, Peer Gynt, Espectros, Hedda Gabler, Inimigo do pobo… pero a máis importante de todas é Casa de bonecas. Nesta peza exponse a relación de sexos a través do matrimonio Helmer. Nora, a protagonista, converteuse en bandeira do feminismo, sobre todo a partir do seu final, cando Nora dá unha portada.
No relato de Manuel Rivas os protagonistas (Martín e Chefa) representaron a obra de teatro Casa de bonecas. Martín facía de Rank e Chefa de Nora.

Marqués de Queensberry: o noveno marqués de Queensberry chamábase John Sholto Douglas (1844-1900) foi o creador das regras do boxeo moderno. Nelas estableceu un límite de tres minutos para cada asalto e o reconto para os “fóra de combate” quedaron fixados en dez segundos. Tamén estableceu as diferentes categorías de peso da especialidade e o uso de guantes de boxeo “da mellor calidade e novos”.

Gary Cooper: (1901-1961) foi un actor estadounidense de ascendencia inglesa que gañou o premio Oscar en dúas ocasións polas películas Sarxento York de Howard Hawks e So ante o perigo de Fred Zinnemann. Tamén protagonizou os filmes O orgullo dos Yankis, Por quen dobran as campás, Adeus ás armas, A árbore do aforcado,… e así ata máis de cen películas. A súa popularidade baséase no seu estilo sobrio e natural á hora de actuar. Era alto e encarnaba mellor ca ninguén ao “americano ideal”, home íntegro e cabaleiroso.

Maquis: guerrilla antifascista de resistencia española, comezou durante a guerra civil.

Ditadura de Franco: correspóndese co período da historia de España na que o xeneral Franco goberna España baixo unha ditadura que elimina todo tipo de liberdades. Durou desde o ano 1939 (fin da guerra civil) ata 1975 (ano da morte do xeneral).

2ª Guerra Mundial: conflito bélico que comezou en 1939 e rematou en 1945. Nel enfrontáronse as potencias do Eixo (Alemaña, Italia e Xapón) contra os Aliados (Gran Bretaña, Francia, EEUU, etc.). Foi a guerra máis xeralizada e destrutiva que coñeceu a humanidade.

O Foucelllas: guerrileiro antifranquista que resitiu 16 anos fuxido no monte. Naceu en 1908 en Mesía (A Coruña). Detéñeno en 1952 a 200 metros da cova na que se refuxiaba, recibe varios impactos de bala nas extremidades, pois queríano coller vivo. Senténciano a morte no garrote vil. Máis información en http://www.vieiros.com/nova/24049/o-foucellas-guerrilleiro-e-mito-popular.

Tiziano: pintor italiano nacido en 1487. Dota as figuras dun sentimento de pena convincente, á vez que ordena os feitos con realismo e amosa as paisaxes con gran viveza. Realizou numerosos retratos que destacan por captar a psicoloxía do personaxe e polos detalles do vestiario e do escenario. Faleceu en 1576 en Venecia, vítima da peste. Podedes ver a súa obra en moitas páxinas web, entre elas http://pintura.aut.org/BU04?Autnum=11.154

mércores, 2 de decembro de 2009

Entrevista a Miguelanxo Prado

Aquí tedes unha entrevista que concedeu Miguelanxo Prado