venres, 25 de xaneiro de 2013

Lendo en libros dixitais

Ola, como vedes xa estamos facendo uso dos libros dixitais; son os membros do club de lectura os que estrearon e estamos lendo O can dos Baskerville de Arthur Conan Doyle nel. Están encantados coa era tecnolóxica!!!!

xoves, 24 de xaneiro de 2013

Biografía de Arthur Conan Doyle

Arthur Conan Doyle naceu o 22 de maio de 1859 en Edimburgo (Escocia). Seu pai, Charles, era un gran afeccionado ao debuxo, e padeceu un grave alcoholismo e profundas depresións. Súa nai chamábase Mary Foley e uns din que tiveron 9 fillos, outros que eran dez. Debido ao alcoholismo do pai a familia tivo que dispersarse pero reuníronse máis tarde nunha sórdida vivenda. Súa nai, vendo como o home gastaba os cartos en alcohol, alugou as habitacións da casa a hóspedes. En 1868, Conan Doyle, co apoio económico de seus tíos, acabou ingresando no Stonyhurst College e continuou a súa educación en Austria.
En 1876, comezou a carreira de medicina na Universidade de Edimburgo, onde coñeceu ao profesor que lle inspiraría a figura do seu famoso personaxe, Sherlock Holmes, o médico forense Joseph Bell; alí destacou nos deportes, especialmente rugby, golf e boxeo. A comezos de 1880 embarcou para exercer como cirurxián en substitución dun amigo seu, nun baleeiro que durante seis meses navegaría cara ao Ártico. Aos 22 años graduouse como médico. Mentres estudaba comezou a escribir historias curtas. A primeira que apareceu publicada foi The Mystery of the Sasassa Valley.
En 1882, un antigo compañeiro de clase, George Turnavine Budd, ofreceulle traballar con el en Plymouth, pero a súa relación con Budd foi difícil e rematou por establecerse pola súa conta en xuño de 1882, xa con 23 anos, en Portsmouth. Debido ao pouco éxito inicial, mentres non tiña pacientes, comezou de novo a escribir historias como The Mystery of Cloomber, a inacabada Narrative of John Smith e The Captain of the Pole-Star e J. Habakuk Jephson's Statement, ambas inspiradas nas expedicións mariñas realizadas por Doyle.Tamén xogou ao rugby profesionalmente. Foi, ademais, o primeiro porteiro na historia do equipo de fútbol da cidade. Así mesmo, xogaba ao golf e practicaba boxeo.
En 1885 casou con Louise Hawkins, máis coñecida como Touie, coa que tivo dous fillos: Mary Louise e Alleyne Kingsley. Máis tarde, despois de 20 anos de amor platónico cunha muller chamada Jean Leckie, Arthur e ela casaron e tiveron tres fillos máis: Jean Lena Annette, Denis Percy Stewart e Adrian Malcolm. A súa segunda muller morrería anos despois ca el.
En 1891 mudouse a Londres para exercer de oftalmólogo. Na súa biografía, aclarou que ningún paciente entrou na súa clínica. Polo tanto, isto deulle máis tempo para escribir. En novembro dese ano, escribiulle a súa nai que quería "matar a Sherlock Holmes, xa que estaba gastando a súa mente", ao que súa nai lle respondeu: "a xente non o vai tomar de boa maneira". Entón, desta forma, decidiu dedicarlle máis tempo a cousas máis "importantes", como as súas novelas históricas. En 1900, escribiu o seu libro máis longo, A guerra dos Bóers. Ese mesmo ano, presentouse como candidato para a Unión Liberal; pero non foi elixido. Nomeárono Cabaleiro do Imperio Británico en 1902 outorgándolle o tratamento de Sir, logo de escribir un artigo xustificando a participación de Gran Bretaña na guerra dos Bóers.
Non recibiu ningún premio ao longo de toda a súa carreira. Ao estourar a Primeira Guerra Mundial en 1914, intenta alistarse, aos seus 55 anos, como simple soldado raso; rexéitano, pero axuda coa propaganda e co apoio de voluntarios civís desde Reino Unido. A morte dun dos seus fillos, Kingsley, por unha pneumonía que contraeu na guerra, fai que estreite vínculos cos círculos do Espiritismo, doutrina á que dedicou moito tempo e enerxías, publicando ademais History of spiritualism.
Morreu o 7 de xullo de 1930, con 71 anos, dun ataque ao corazón.

Algunhas das súas obras son:
Estudio en escarlata (1887).
O signo dos catro (1890).
As aventuras de Sherlock Holmes (1891–92).
As memorias de Sherlock Holmes (1892–93)
O can dos Baskerville (1901–02).
O Regreso de Sherlock Holmes (1903–04).
O val do terror (1914–15).
A súa última reverencia (1908–17).
O Arquivo de Sherlock Holmes (1924–26).
Aventuras do profesor Challenger.
O mundo perdido (1912)
A zona velenosa (1913)
Cando a Terra lanzou alaridos (1928)
A máquina desintegradora (1929)
A terra da nébora (1926).

martes, 22 de xaneiro de 2013

O can dos Baskerville

Ola a todos e todas: Inicamos este segundo trimestre lendo, como non! A elección foi libro O can dos Baskerville de Arthur Conan Doyle. As lecturas xa van adiantadas e mesmo algún hortensiano xa rematou o libro. Será porque esta vez hai un atractivo maior á hora de ler? Veredes, o noso IES mercou dez lectores de libros dixitais e decidimos que os ían estrear os membros do noso club de lectura. Pronto colgaremos unha imaxe de todos eles con cadanseu aparello. A cámara de fotos está en reparación pero este venres xa a teremos con nós.

martes, 15 de xaneiro de 2013

Vendo Conto de Nadal

Ola a tod@s: Feliz aninovo hortensianos! Por fin podemos ver as imaxes do visionado da película de Conto de Nadal. Quen ben o pasamos! Unha gran película.