venres, 17 de decembro de 2010

Opinion de Marta Viñas

Ete libro non me gustou moito porque trataba de unha familia pobre que o protagonista e un neno que non ten nada e enriba a súa familia pégalle. Na actualidade hai moitos nenos que lle pasa isto.
Espero que o seguinte libro, sea mellor.

opinión de Paula Padin 4ªA

O Libro da "miña planta de laranxa lima", este libro non me gustou nada, porque era moi triste, contaba a historia dun neno que vivía en Brasil, que era pobre e seguramente na actualidade hai moitos nenos asi, agora mesmo nesta mesma situación.
A min o que máis me chamou a atención foi cando o neno andaba co señor Arriovaldo a vender folletos de música, e gañando cartos para axudar a súa familia. Cando reuniu os cartos regaloulle un fermoso regalo a seu pai, e este emocionouse moito.

Opinión de Sergio Torres

Este libro ó princío non me parecía interesante poque non me enteraba moito. Despois comezei a lelo de novo e comezoume a gustar e empecei a lelo con interese. Creo que este libro fala tamen algo da realide da vida diaria,xa que moitos rapaces tampouco teñen regalos. Algo moi diferente ó que non nos pasa a nós...

Opinión de Rafa

Este libro o pricipio non mola nada pero despois o final esta interesante.o final acaba mal por que morre o amigo do protagonista.Este libro relata os nenos qu en navidades non reciben regalos porque son pobres.

Opinión de Carlos Gehrhardt

O libro da PLANTA DE LARANXA LIMA e o segundo libro que lemos este ano e gustoume e moito. A parte que máis me gustou foi toda a parte do final cando ZEZé se pon mal pola morte do seu Amigo o Portugués. Este libro axudome a entender a situación dos nenos dos barrios baixos de todo o mundo e sobre todo os de Brasil

xoves, 16 de decembro de 2010

Opinión de Manuel Paz

Eu creo que libros coma este fannos ver e comparar a nosa situación coa miseria que hai nos país. Deste libro temos que aprender que debemos valorar máis todo o que temos.

venres, 10 de decembro de 2010

Concurso de fotografía

Para ilustrar os textos que vos colgamos sobre o outono, convocamos este "concurso" de fotografía destinado aos membros de club de lectura. Trátase de sacar unha foto que se axeite ao texto. O próximo xoves nós mesmos escolleremos a foto gañadora e colgarémola xunto ao texto. Enfocade ben!

xoves, 9 de decembro de 2010

Opinión de Ana Isabel García Vilela de 2º A

O final é moi triste pero gustoume moito o libro, sobre todo a segunda parte.

mércores, 1 de decembro de 2010

O outono segundo Manuel Murguía

Agora é Manuel Murguía quen nos deixa a súa visión do outono; trátase dun fragmento da súa novela Dende o ceo (orixinariamente en castelán e aquí traducida por Francisco A. Vidal). Nesta obra, escrita cando Murguía aínda era un mozo, o protagonista principal vén sendo a iniciación ao amor; desenvólvese entre as rúas de Compostela, Padrón e as ribeiras do Ulla.
Velaquí a descrición:

X
Aquela estación que chega cos cánticos das vendimadoras; ¡aquela que aparece como unha doncela melancólica e que se cobra coa vestimenta dos máis fermosos ocasos; aquela que ten unha coroa que non é de flores, nin de cereais para a sega, senón das follas secas da vides; aquela estación é o outono!

Se eu fose poeta, ¡oh, doce estación!, tería para ti os meus máis fermosos cantos, como teño hoxe os meus suspiros máis tristes. Eu cantaríache coa voz do vento que zoa entre as árbores que esfolla ao seu paso, e o meu canto sería melancólico e doce como a harmonía das ondas que creban nas vertentes da praia.

Homero, o grande Homero, non te sentou na mesa dos deuses, e só tiveches un altar como as túas irmás as estacións.

Se eu vivise naqueles tempos en que Xúpiter enchía coa túa sombra o Capitolio, ergueríache un templo baixo o ceo da Campania; un templo onde tiveses adoracións e perfumes, como deusa da melancolía.

Os romanos non te coñeceron; cinxiron a túa fronte cos verdes sarmentos das vides; puxeron na túa destra a copa onde se espremera a uva dourada de Falermo, e nos teus labres fixeron aparecer o sorriso da bacante.

Ti es pura coma unha vestal e triste como a estrela vespertina; ¡ai!, eu erguereiche un altar sinxelo, aló naquel país que rodea o mar como unha doce amiga, naquel país onde amei como só aman os loucos e os poetas.

E cando o vento refrescante de setembro arrastre as follas secas polo estío; cando as viñas fosen desposuídas dos seus acios; cando a folla da rosa sexa levada pola corrente do río que pasa silandeiro baixo a súa fiestra; cando as primeiras chuvias caian sobre a terra como a beizón do Deus dos cristiáns; cando ela voltar ao meu lado, entón saudareite como a un hóspede querido, porque ela volve contigo; ela, pálida e fermosa coma ti, que semella o teu espírito e que ven envolta entre as nubes dos teus ocasos.

¡Ah! ¡Esquecíame! Non cando veña ela, senón cando veña a súa sombra; a súa lembranza vive sempre no meu corazón, e as túas brisas e as túas horas de silencio traen á miña memoria escenas pasadas, e murmuran ao meu oído palabras queridas, que son para min músicas docísimas e regaladas.
¡Outono, outono! ¿Volverá?...

OUTONO

Xa sabemos que estamos máis ben cara ao final do outono, pero aínda estamos a tempo de redenlle homenaxe a esta estación. De momento deixámosvos co inicio do longuísimo poema do noso veciño Ramón Cabanillas "A traxedia das follas" que versa sobre este tema. Pertence ao seu libro Da terra asoballada.






Son os días de outono.


Son os días
en que caen desfeitas, sin arume,
as derradeiras rosas.

En bandadas,
sobre do mar, aléxanse, chilando,
cara ás terras do Sol, as anduriñas.

O chan escuro; brétemas nos vales.
De curuto en curuto, a tombos, rodan
as apromadas nubes da tromenta,
i os bruxos estorniños, enloitados,
raian nas néboas brancas, abafantes,
os misteriosos cirros dos conxuros

Vai alodado o río.
Leva arrastro
as táboas dun portelo apodrecido
e, coas ponlas ó aire, os ameneiros
arrincados a pé.

Como pantasmas
de antigos frades, en medosa noite,
da igrexa en terra no desfeito coro,
na beiramar, os altos pinos fungan
o responso da morte na campía.

¡Como se laia, cando cai a tarde,
campana da aldea!
¡Como chora
supricante, doída, polos tristes
que sobre as auguas loitan sin amparo
i os que antre sombra e neve van a tentas
ó través da montaña sin camiños!

luns, 29 de novembro de 2010

Fotos




Aquí vos deixamos as fotos que vos sacamos durante a reunión do 1º libro, Fenris, el elfo de Laura Gallego. Como podedes ver, estabamos en pleno proceso de decorar a biblioteca para a lectura dos relatos de terror (faltaban as arañeiras).

Enquisa

Acabamos de colgarvos unha enquisa para saber a vosa opinión sobre o final do libro A miña planta de laranxa lima. Votade para saber quen gaña: aqueles aos que lles gustou o final tal e como está ou aqueles que cambiarían algo.

mércores, 24 de novembro de 2010

Fragmento da película

A mestra Cecilia Paim fala con Zezé. Non me digades que non é para chorar.

Como vai a lectura?

Estades moi parados!!!! Sabemos que estades lendo o libro porque nolo ides dicindo polos corredores pero ninguén se anima a colgar a súa opinión. Martín, nada máis entrar pola porta da biblioteca,saudoume cun: "O Portuga..." (non poño todo porque senón sabedes demasiado). Imos colgarvos outro fragmento da película pra que saboreedes.

venres, 5 de novembro de 2010

Vídeo de A miña planta de laranxa lima

Esta escena reproduce o primeiro encontro entre Zezé e a planta de laranxa lima.

Jose Mauro de Vasconcelos



O escritor brasileiro José Mauro de Vasconcelos naceu o 26 de febreiro de 1920 en Bangú (Río de Janeiro) e morreu o 24 de xullo de 1984 en Sao Paulo.
Naceu nunha familia humilde, fillo de nai india e pai portugués. Na súa infancia viviu en Natal (lugar que marcou a súa vida). Iniciou estudos de Medicina que non concluíu. A súa obra máis famosa é a novela A miña planta de laranxa lima.

Como autodidacta exerceu diferentes oficios: foi adestrador de boxeo, peón nunha granxa, pescador e mestre nunha escola en Recife, ata que o animou o desexo de viaxar e coñecer o seu país, chegando a convivir cos indíxenas, dos que aprendeu historias e tradicións e acumulou experiencias. Este feito converterao nun extraordinario contista oral (grazas á súa excelente memoria) ata que finalmente se fixo escritor. Comezou a publicar en 1942. Tamén foi coñecido pola súa faceta de actor de cine e televisión, chegando a obter varios premios.

En 1968 encabeza a lista de Best Sellers, co seu libro A miña planta de laranxa lima. Nel relata a vida dun neno cunha gran sensibilidade que é forzado a pasar á madurez debido a tristes circunstancias, e mostra os seus sufrimentos e alegrías.

As mortes temperás do seu irmán Luís aos 20 anos e da súa irmá Gloria aos 24 influíron notablemente no seu traballo.

Soñador empedernido e dunha prosa suave e simple, ante todo foi un home que coñeceu o sufrimento. Morreu aos 64 años. Outras obras súas son: Barro branco, Banana branca, Longeva terra, Rosinha, a miña canoa, Corazón de vidro, As confesións de Frei Cabaza, O palacio xaponés, Rúa descalza, O veleiro de cristal, Imos quentar o sol

Libro do mes de novembro




Ola a todos e todas:

Despois do éxito do último libro, facemos un cambio de rexistro e pasamos a ler a un esfritor brasileiro chamado Jose Mauro de Vasconcelos e a súa obra A miña planta de laranxa lima. Unha recomendación, lédeo cun pano pretiño de vós porque vos é moi triste, pero tamén moi tenro. Xa nos contaredes. Que saibades que este libro vén moi recomendado por outros clubs de lectura.

luns, 25 de outubro de 2010

Reunión

Ola a todos e todas:
Este xoves 28 temos a reunión final do libro Fenris, el elfo de Laura Gallego. Vémonos na biblioteca no segundo recreo. Supoñemos que a lectura non vos deu problemas.

mércores, 20 de outubro de 2010

mércores, 13 de outubro de 2010

Fenris, el elfo



Fenris, el elfo é o libro co que iniciamos o club de lectura do curso 2010-11. Xa sabedes que é de Laura Gallego García, unha escritora que publicou moitos dos títulos que vos encantan, e por este libro levades esperando bastante tempo.

“Fenris é un elfo moi especial. Ten grandes poderes e, nas noites de lúa chea, unha forza inexplicable arrástrao ata convertelo nun ser asombroso. O seu amor por Shi-Mae e o seu enfrontamento con personaxes poderosos no Reino dos Elfos van determinar o seu futuro. Aquí comeza a súa viaxe ata a Torre, situada no Val dos Lobos”.

Biografía de Laura Gallego García



Laura Gallego naceu o 11 de outubro de 1977 e empezou a escribir cando aínda era moi nova, con 11 anos. Gañou xa en dúas ocasións o premio El Barco de Vapor. É a autora de Las crónicas de la Torre (edicións SM), Finis Mundi (o primeiro libro que publicou), La leyenda del rey errante, El coleccionista de relojes extraordinarios e Fenris, el elfo. Este último é o antecendente das crónicas, triloxía que contén El valle de los lobos, La maldición del Maestro e La llamada de los muertos.

Estes son os escasos datos que aparecen na contraportada dos seus libros, pero se queredes saber máis sobre ela, deixámosvos a dirección da súa páxina web, onde ela mesma fala da súa vida, obra... Aí dinos que o seu libro favorito de sempre é A historia interminable de Michael Ende, que é afeccionada á ciencia ficción, que lle encanta a película As viaxes de Chihiro e, como non!, o personaxe de Jack Sparrow de Piratas do Caribe. Fala tamén das súas afeccións, vídeoxogos e moitas máis cousas... Bótalle un vistazo e coñece mellor á escritora valenciana.

http://www.lauragallego.com/

mércores, 6 de outubro de 2010

Benvida a todos

Xa está en marcha, un curso máis, o noso club de lectura AO PÉ DA HORTENSIA. Estades invitados a formar parte del. De momento xa somos case 20 membros entre alumnos e profes.
O primeiro libro que imos ler é Fenris, el elfo de Laura Gallego. Este libro trata dun personaxe importante da triloxía Las crónicas de la torre, que tanto éxito ten entre o noso alumnado.

Este xoves 7 de outubro imos reunirnos todos na biblioteca do centro durante o 2º recreo. Tanto se xa es membro do club como se tes pensado selo, pásate.

venres, 11 de xuño de 2010

Actividades sobre o libro Cairo Branco de Jack London

Aquí tedes unhas actividades para que poidades continuar xogando con Cairo Branco. Se queredes velo en pantalla completa, clicade enriba da icona que está na marxe superior dereita (o cadrado que parece unha pantalla de televisón). Pasádeo ben!



mércores, 9 de xuño de 2010

Opinión de Martín

O libro é moi interesante porque se sae da temática habitual; non conta as aventuras dunha persoa senón dun animal, o que ofrece un punto de vista distinto ao lector. Amosa moi ben como a xente que nos rodea pode influir na nosa vida de xeito tan dispar. Gustoume especialmente o inicio no que nos conta a vida dos pais de Cairo Branco. Temía que ó final o can morrese pero, por sorte non foi así. De todos xeitos isto era o esperable.

Sorprendeume a vida do escritor, como puido escribir tantos libros e tan bos, saber que foi un vagabundo, mariñeiro, buscador de ouro... e que se acabou suicidando cando xa era moi popular, cousa incrible.

Opinión de Luís

Xa rematei de lelo hai un tempo. Pareceume un pouco aburrido porque había moito sentimento e descrición de paisaxes. A maior parte da historia é de cando o can ía no trineo. Aínda así houbo cachos que me encantaron como por exemplo cando querían comer aos que levaban ao morto. O peor foi ver como poñían a pelexar aos cans entre eles.

xoves, 27 de maio de 2010

Poemas de Uxío Novoneyra

Fixádevos nas imaxes e lede os poemas. Non logrades sentir a mesma sensación ca Uxío? Non vos levan ao Courel?



OLLO o ceo mouro cun medo antergo.
Torna a abella ó trobo
a anduriña cingue o voo.
Van a nebras do trono nun son agoreiro.








PASTORA que pásala vida
no monte soliña!
Pastora que fías e cantas
ca roca á illarga!
Pastora que cantas e fías
lá branca merina!
Pastora que fías e cantas
á tardiña baixa!
Pastora que cantas e fías
á alta seriña!





CAI a chuvia soñando
cai o espacio engaiolado.
2
CHOVE
e sólo o quedo se move.
Enviso n’algo que non deixo
teño su beirado
da cabana o xeito calado
do val na follata de freixo
o rebolo i as herbas cargadas
de pingoadas








TARAS altas campas
onde o sol non pasa
esvece na hora alta!
/
MONTES do Leste
ó sol que esvece!
Mofo que eu ollo
no souto solo
cando ún quere
a cousa máis lene!







MAÑÁNS de xeada!
Espertar co día á ventan
encollerse na cama
achegar a roupa á cara
i ouvir andar tropeando pola casa.
Canta a vaca
cas astas na escada.
Canta o galo
pandeando o corpo i o canto.






ANDA o vento ceibe polos eidos
con tódalas áas soltas
brúa nos castiñeiros
ripa as lousas dos teitos
i escachafoula nas portas.

Actividades sobre Uxío Novoneyra

Xa sabedes que este ano as Letras Galegas se lle dedican a Uxío Novoneyra. Para que pasedes un anaquiño xogando con el e a súa obra, deixámosvos estas poucas actividades.


mércores, 5 de maio de 2010

Outro anaco da película

Unha vez mirada o primeiro fragmento da película, aquí tendes outro anaco máis. Creo que está gustando, non si?

luns, 3 de maio de 2010

Como vai a lectura?

Que tal vai a lectura do libro? Vexo o blog algo parado, o alumnado non deixa os comentarios habituais. Demasiado traballo no final de curso? Espero que non, aínda así sempre hai tempo para unhas palabriñas. Ánimo a todos. Sabemos que o libro vos gusta. Mentres ides lendo deixámosvos unhas imaxes de Alaska e de lobos, que ben podería ser do noso amigo Cairo Branco.





xoves, 22 de abril de 2010

Jack London



Jack London (o seu verdadeiro nome era Jonh Griffith) naceu en San Francisco en 187. Súa nai, astróloga, abandonou ao seu pai pouco despois do seu nacemento e casou cun veterano da guerra civil do que tomaría o apelido.

Jack, ademais dun prolífico escritor e lector empedernido, foi un home de acción e traballou nos oficios máis dispares: alistouse no exército, foi buscador de ouro en Alaska, pescador furtivo de ostras, surcou o Pacífico nun barco que se dedicaba á caza de focas, vagabundeou polo país, etc... No plano das ideas, comungou co socialismo e apoiou o dereito de sufraxio das mulleres.

En 1900 casou con Bess Maddern, coa que tivo dous fillos e da que se separou pouco despois para casar coa súa secretaria, Charmian Kittredge, xunto á que navegou polo Pacífico e os Mares do Sur a bordo do Snark e que o levaría despois a escribir relatos baseados na cultura da Polinesia.

O gran amor do escritor foi o mar e por iso embarcaba sempre que lle era posible. Unha das súas viaxes máis famosas foi a que realizou a Alaska en busca de ouro e que case lle custa a vida. Alí viviu nunha cabana e dedicouse a explorar unha mina en busca do metal precioso. Un ano despois, enfermou de escorbuto e tivo que volver a casa. A súa experiencia non lle deparou moito ouro, pero si material suficiente para continuar escribindo.

Froito do seu afán por vivir novas experiencias, comprou un rancho en California, Beauty Ranch, un enorme territorio que se dedicou a explorar el mismo co seu cabalo. Alí dedicouse á cría de animais e ao cultivo das terras.

Jack London foi o autor máis popular e vendido do seu tiempo. Ademais de Cairo branco, escribiu obras como Martin Eden ou A chamada da selva ou O lobo de mar.

martes, 13 de abril de 2010

Vídeo sobre Cairo branco

Aquí vos deixamos o inicio da película Colmillo blanco, para que vos vaiades poñendo en situación.

Cairo branco de Jack London


O noso próximo libro de lectura é Cairo branco de Jack London. Un canto á natureza e á vida en liberdade. Esperamos que vos guste.

venres, 9 de abril de 2010

Xesús Constela

Estamos abraidos, Xesús Constela fala de nós no seu blogue (www.blogoteca.com/xesusconstela). Fíxonos moita ilusión e por iso lle mandamos un comentario agradecéndollo. Para nós foi un pracer telo aquí porque nos amosou a verdadeira cara do escritor. Tamén nos recomendou unhas lecturas, a obra de Oscar Wilde e o libro O curioso incidente do can á media noite, do inglés Mark Haddon que publica a editorial Rinoceronte en galego. Por suposto quedamos tamén con ganas de ler As humanas proporcións de Xesús, que seguro aparecerá no noso clube de lectura en calquera momento. Aínda que o noso próximo libro vai ser Cairo branco de Jack London.
Graciñas Xesús e bicos da nosa parte.

xoves, 8 de abril de 2010

Charla con Xesús Constela

Onte pola tarde recibimos a visita de Xesús Constela co que puidemos falar da súa obra Libro das alquimias. Como o tempo axudou, decidimos facer a xuntanza no xardín do instituto, pretiño da hortensia que nos dá nome. Era a primeira vez que este club recibía a visita dun escritor e acollémolo con brazos abertos e un pouco de nervios. Previamente decidimos como recibilo e Bea cría imprescindible ambientar a escena cunhas flores que, como non, trouxo pola tarde con floreiro e todo. Sabemos que a recollida das flores foi feita por varios membros do club (se vedes as fotos, o floreiro atópase no medio). Só quedaba que chegase Xesús e non se perdese (case todos se perden porque van a Meaño en vez de a Dena). E chegou mesmo antes de tempo.

O noso alumnado marabilloso xa tiña as súas preguntas preparadas (preparadas por eles, o profesorado nin lles dixo o que debían preguntar nin censurou nada). Evidentemente a actitude e disposición de Xesús fixo que o encontro resultase ameno, divertido, distendido... tanto que mesmo nos revelou algún segredo!!! Soubemos por que os protagonistas non teñen nome (ou si), de onde xurdiu a idea do libro, como naceu a súa vocación literaria, como se viaxa polo mundo sen ter que desprazarse fisicamente, como hai xente que se xunta para queimar libros!!!, como é o mundo editorial...

Finalmente pedímoslle que nos asinase un libro e deixounos esta dedicatoria: "Para todos os integrantes do club de lectura do IES de Meaño en lembranza do marabillosos momento que compartimos na tarde de hoxe no xardín do instituto. Con moito agarimo Xesús Constela". Aquí vos deixamos as fotos do encontro.







mércores, 7 de abril de 2010

Visita de Xesús

Hoxe vai vir visitarnos Xesús Constela. Estamos todos un pouco nerviosos por encontrarnos co autor do libro. Temos preguntas en mente para facerlle pero veremos como sae a cousa. Xa vos contaremos como foi o encontro e vos amosaremos fotos do evento!!!

mércores, 17 de marzo de 2010

A min gustoume as partes na que os personaxes se metian nos libros

xoves, 11 de marzo de 2010

Actividades sobre o Libro das alquimias

Estas son unhas actividades relacionadas co libro que estamos lendo. Xogade un pouco e poñede a proba a vosa memoria.


luns, 8 de marzo de 2010

Xesús Constela


De todas as viaxes que emprendín dende que era ben pequeno, e adoro viaxar, as máis gratas e tamén as máis inesperadas emprendinas da man dos libros, que sempre me acompañaron ao longo da vida, porque cando comezas a lectura dun libro, case sen te decatar, bótaste a andar ao longo dun camiño que de ningún xeito sabes onde pode rematar, un camiño con voltas e reviravoltas que en todo momento van deixarte sorprendido.
As viaxes da man da libros son, xa que logo, as aventuras máis fermosas que unha persoa pode iniciar. Neles está todo agachado coma nos vellos tesouro que se van desenterrando a medida que se avanza na lectura. Nunca coñecemos o destino até o intre mesmo de chegarmos, cando ficamos sorprendidos coa cantidade de cousas que fomos aprendendo polo camiño.
Un libro é un tren que se colle na estación da casa, un barco que se aborda no porto do noso cuarto, un avión no que se embarca dende a cadeira onde sentamos para ler…
Nos libros está todo canto somos, todo canto sentimos, todo canto desexamos e todo canto agardamos!
Que nunca nos falten!
Non hai aventura máis grande que a aventura de ler!
Xesús Constela.-



BIOBIBLIOGRAFÍA
Xesús Constela Doce naceu en Ferrol en 1963. Durante a época do instituto gañou dous premios literarios de poesía. Estudou filoloxía inglesa en Salamanca, cidade na que participa en pequenas revistas de creación literaria para estudantes e descobre a súa paixón pola literatura norteamericana. De Salamanca marcha a Barcelona para volver a Galicia a dar clases. Participou no grupo de teatro Berenguela. É colaborador habitual do suplemento “Nordesías” do Diario de Ferrol.

O seu primeiro libro titúlase As humanas proporcións (Galaxia, 2004), e con el conseguiu o premio Torrente Ballester. É unha obra moderna, resolta atinadamente e con raíces na narrativa de sempre.

En 2007 publicou a novela Libro das alquimias (Galaxia) e no 2008 gaña o premio García Barros coa obra Shakespeare destilado.

Podedes achegarvos ao escritor a través do seu blog “Tiñádelo que ver” (www.blogoteca.com/xesusconstela).

venres, 5 de marzo de 2010

Xesús Constela


Xesús Constela Doce naceu en Ferrol en 1963. Durante a época do instituto gañou dous premios literarios de poesía. Estudou filoloxía inglesa en Salamanca, cidade na que participa en pequenas revistas de creación literaria para estudantes e descobre a súa paixón pola literatura norteamericana. De Salamanca marcha a Barcelona para volver a Galicia a dar clases. Participou no grupo de teatro Berenguela. É colaborador habitual do suplemento “Nordesías” do Diario de Ferrol.

O seu primeiro libro titúlase As humanas proporcións (Galaxia, 2004), e con el conseguiu o premio Torrente Ballester. É unha obra moderna, resolta atinadamente e con raíces na narrativa de sempre.

En 2007 publicou a novela Libro das alquimias (Galaxia) e no 2008 gaña o premio García Barros coa obra Shakespeare destilado.

Podedes achegarvos ao escritor a través do seu blog “Tiñádelo que ver” (www.blogoteca.com/xesusconstela).

mércores, 3 de marzo de 2010

Opinión de Alba

O final non me gustou moito, porque morreron os pais do protagonista e morre tamén Hipatia. O que si me gustou é que exista a posibilidade de que o vello e o protagonista poidan volver atoparse.

Opinión de Luis sobre o libro

o libro das alquimias pareceme moi bonito, menos o final que é moi triste. Para os que o estades lendo!!!!!!preparádevos!!!!!!

luns, 1 de marzo de 2010

Quen era Hipatia?

Esperamos que este vídeo vos achegue á figura de Hipatia.

venres, 26 de febreiro de 2010

O home caveira

O HOME CAVEIRA fai referencia ó cadro O BERRO DE MUNCH, é o cadro máis representativo da histeria de todos os tempos. No libro o home caveira é a pantasma que acosa ao vello por entregar as chaves do soto, onde estaban os libros, aos cristiáns; é o pesadelo que sempre está ao carón do vello. O seu berro é o de todos os libros queimados. No libro aparece descrito como: “Veume á mente o ceo vermello intenso, opresivo, desconcertante, as liñas ondulantes que provocaban unha vertixe incontrolábel, o home vestido de negro con face de caveira, que non deixaba de berrar mentres coas mans apertadas sostiña a súa propia cabeza, a boca aberta que nunca se pechaba porque non vocalizaba, aqueles ollos estarrecedores coas órbitas baleiras”.
Aquí tedes unha imaxe do cadro.

luns, 22 de febreiro de 2010

Libro das alquimias de Xesús Constela


Comezamos co seguinte libro no noso club de lectura. A escolla é o Libro das alquimias de Xesús Constela.

Esta novela, dedicada aos seus fillos, presenta a historia dun neno que descobre no baixo da súa casa a presenza dun misterioso ancián que acabará por cambiar a súa vida para sempre. A través del coñeceremos a historia de Hipatia, andaremos polas rúas de Alexandría, subiremos ao seu faro e choraremos vendo arder os libros….

xoves, 4 de febreiro de 2010

Ilustracións de Manuel A. Marín sobre A illa do tesouro









Aquí vos deixamos unha visión que o debuxante Manuel a. Marín fixo dalgúns dos pesonaxes do libro. Son así tamén na vosa imaxinación?

venres, 29 de xaneiro de 2010

Outro fragmento da película A illa do tesouro

Aquí vos deixamos outro fragmento da película A illa do tesouro. Identificádelo? Sabedes quen é cada quen? Supoñemos que si.
">

luns, 25 de xaneiro de 2010

Xoga coa Illa do tesouro

Aquí vos deixamos unha direción de internet para que poidades xogar co libro. Para entrar no xogo clica enriba do título.

xoga coa Illa do tesouro

Para xogar tendes que clicar en Verlo na parte inferior.

mércores, 20 de xaneiro de 2010

A Illa do tesouro

O libro da Illa do tesouro está moito máis interesante co anterior, porque o empezar a lelo engánchaste e tes a intriga de como segue.
Esperamos que os seguintes libros que teñamos que ler sexan tan divertidos como este, porque asi animamos a máis xente a que se decida a apuntarse o clube de lectura.

Sigo insistindo

O Libro "A illa do tesouro" estame a gustar. Ten algo que engancha, e iso fai que me dea máis ganas de lelo, e así acabareino antes e con máis ganas de ler outro.





Sergio Torres

a illa do tesouro

o libro é moi divertido. Ó principio non me gustou moito, por iso lin menos e agora empecei a ler máis porque é moi divertido
Animadevos a ler o libro. É fascinante!!!

Dani

Despois de dúas semanas

Despois de dúas semanas de clase seguimos lendo "A Illa do Tesouro" eu vou xa na páxina cento e algo, non me lembro. Por agora o libro está bastante emocionante polo menos para min e dan ganas de seguir lendo ata o final. ANIMOVOS A TODOS A LER ESTE LIBRO¡¡¡¡¡¡ Carlos Gehrhardt

xoves, 14 de xaneiro de 2010

Biografía de Robert Louis Stevenson


O escritor Robert Louis Stevenson naceu en Edimburgo (Escocia) en 1850. Fillo dun enxeñeiro, licenciouse en dereito na Universidade de Edimburgo, aínda que nunca exerceu a avogacía. En busca dun clima favorable para os seus delicados pulmóns, viaxou continuamente, e os seus primeiros libros son descricións dalgunhas destas viaxes (Viaxe en burro polas Cevennes).

A estancia na súa patria, que se prolongou ata 1887, coincidiu coa publicación de dúas das súas novelas de aventuras máis populares, A frecha negra e Raptado, así como o seu relato O estraño caso do doutor Jekyll e Mr. Hyde (1886), unha obra mestra do terror fantástico.

Nun desprazamento a California coñeceu a Fanny Osbourne, unha dama estadounidense divorciada dez años maior ca el, con quen casou en 1879. Por entón deuse a coñecer como novelista con A illa do tesouro (1883). Posteriormente pasou unha temporada en Suíza e na Riviera francesa, antes de regresar ao Reino Unido en 1884.

En 1888 iniciou coa súa muller un cruceiro polo sur do Pacífico que os conduciu ata as illas Samoa. E alí viviría ata a súa morte, venerado polos nativos. Entre as súas últimas obras están O señor de Ballantrae, O náufrago, Cariona e a novela póstuma e inacabada O dique de Hermiston.

A súa popularidade como escritor baseouse fundamentalmente nos emocionantes argumentos das súas novelas fantásticas e de aventuras, nas que sempre aparecen contrapostos o ben e o mal, a modo de alegoría moral que se sirve do misterio e a aventura. Cantor da coraxe e a ledicia, deixou unha abundante obra chea de encanto, con títulos inesquecibles.

A súa literatura é un os máis claros exemplos da novela-narración, o «romance» por excelencia.

Morreu en Vailima Upolu, Samoa Occidental, 1894) Na súa tumba, nunha afastada illa dos mares do Sur á que se retirou por motivos de saúde, figura gravado o alcume que lle deron os samoanos: Tusitala, que significa «o contador de historias».

mércores, 13 de xaneiro de 2010

OPINIÓN DE DOUS MEMBROS DO CLUBE DE LECTURA

Este ano comezamos cun novo libro que é "A Illa do Tesouro". Esperamos que se moi entretenido e emocionante como "O HOBBIT", que teñamos ganas de ler sempre o seguinte capítulo. Xa vos iremos contando.

NOVO ANO, NOVO LIBRO

Este ano comenzamos cun novo libro que é a "A Illa do Tesouro".Esperamos que este clásico da literatura sexa máis interesante e divertido que o libro de "Mujercitas" polo menos para os alumnos de 3ºA. Ó longo das seguintes semanas iremos lendo o libro e dando a nosa opinión.

Busca as diferenzas entre os piratas




Para ir abrindo boca deixámosvos esta pequena actividade de busca de diferenzas entre as dúas ilustracións do noso pirata. Cantas atopas? É moi doado, non vos queixedes.

A illa do tesouro


O libro porposto para ler este mes de xaneiro, e parte de febreiro posiblemente, é A illa do tesouro de Robert Louis Stevenson. Esperamos que vos gusten as aventuras de piratas.