luns, 8 de marzo de 2010

Xesús Constela


De todas as viaxes que emprendín dende que era ben pequeno, e adoro viaxar, as máis gratas e tamén as máis inesperadas emprendinas da man dos libros, que sempre me acompañaron ao longo da vida, porque cando comezas a lectura dun libro, case sen te decatar, bótaste a andar ao longo dun camiño que de ningún xeito sabes onde pode rematar, un camiño con voltas e reviravoltas que en todo momento van deixarte sorprendido.
As viaxes da man da libros son, xa que logo, as aventuras máis fermosas que unha persoa pode iniciar. Neles está todo agachado coma nos vellos tesouro que se van desenterrando a medida que se avanza na lectura. Nunca coñecemos o destino até o intre mesmo de chegarmos, cando ficamos sorprendidos coa cantidade de cousas que fomos aprendendo polo camiño.
Un libro é un tren que se colle na estación da casa, un barco que se aborda no porto do noso cuarto, un avión no que se embarca dende a cadeira onde sentamos para ler…
Nos libros está todo canto somos, todo canto sentimos, todo canto desexamos e todo canto agardamos!
Que nunca nos falten!
Non hai aventura máis grande que a aventura de ler!
Xesús Constela.-



BIOBIBLIOGRAFÍA
Xesús Constela Doce naceu en Ferrol en 1963. Durante a época do instituto gañou dous premios literarios de poesía. Estudou filoloxía inglesa en Salamanca, cidade na que participa en pequenas revistas de creación literaria para estudantes e descobre a súa paixón pola literatura norteamericana. De Salamanca marcha a Barcelona para volver a Galicia a dar clases. Participou no grupo de teatro Berenguela. É colaborador habitual do suplemento “Nordesías” do Diario de Ferrol.

O seu primeiro libro titúlase As humanas proporcións (Galaxia, 2004), e con el conseguiu o premio Torrente Ballester. É unha obra moderna, resolta atinadamente e con raíces na narrativa de sempre.

En 2007 publicou a novela Libro das alquimias (Galaxia) e no 2008 gaña o premio García Barros coa obra Shakespeare destilado.

Podedes achegarvos ao escritor a través do seu blog “Tiñádelo que ver” (www.blogoteca.com/xesusconstela).

Ningún comentario:

Publicar un comentario