mércores, 26 de xaneiro de 2011

Xoga con Tom Sawyer

Pasádeo ben xogando con Tom, Huck e compañía.



martes, 25 de xaneiro de 2011

Ilustracións




De novo o ilustrador Manuel A. Marín nos deixou a súa particular visión de Huckleberry Finn e da escena do cemiterio.

Biografía de Mark Twain



Samuel Langhorne Clemen, verdadeiro nome de Mark Twain, foi un escritor e humorista norteamericano. Naceu nunha aldea de Florida, en Misuri, á que emigraran seus pais para estar preto dun próspero tío seu, John, propietario dunha tenda, unha granxa e uns vinte escravos negros. Aos catro anos, trasladáronse á vila próxima de Hannibal (Misuri), porto fluvial no río Mississippi onde realizou os seus primeiros estudos. Hannibal serviu de inspiración para a vila ficticia de San Petersburgo en As aventuras de Tom Sawyer e As aventuras de Huckleberry Finn. Nesa época, Misuri era un estado escravista e o mozo Twain estaba familiarizado coa escravitude, tema que explorou máis tarde nos seus escritos.
En 1851 comeza a publicar algúns breves relatos de viaxes no Journal de Muscatine, que pertencía ao seu irmán maior Orion. Con este irmán, viaxa por Nova York, Filadelfia e outras cidades. Ao longo da súa vida traballou de mineiro de prata, impresor, buscador de ouro, de piloto dun barco de vapor e de xornalista comezando a firmar co pseudónimo Mark Twain, adoptado dunha expresión típica dos cantos de traballo dos negros nos barcos do río Mississippi, que significa «marca dúas brazas de profundidade», o calado mínimo necesario para a boa navegación.
En 1870 casou con Olivia Langdon, o gran amor da súa vida, a quen chamou Livy. Olivia era filla dun capitalista progresista que axudou a escapar a moitos escravos.
Twain escribiu libros de viaxes, como A tramp abroad (1880) sobre unha excursión aos Alpes e á Selva Negra alemá, e o clásico Vida no Mississippi (1883) (primeira novela escrita a máquina), que se centra na súa infancia e xuventude. As súas obras mestras son dous libros, en parte autobiográficos: As aventuras de Tom Sawyer (1876), As aventuras de Huckleberry Finn (1884), nos que conta unhas aventuras cheas de vida que se desenvolven nun pequeno poboado nas marxes do Mississippi.
A desgraza cebouse na súa familia. A súa filla maior, Susy, morreu de meninxite, Livy quedou inválida e outro fillo morreu por un descoido seu, como dolorosamente conta na súa Autobiografía. Debido aos apuros económicos, o escritor sumiuse no pesimismo e na misantropía.
Fixo unha esgotadora viaxe coa súa muller por Sudáfrica, Calcuta, Australia e Nova Zelanda dando conferencias, e quedaron a vivir en Nova York. A súa muller morreu en Florencia en 1904 e seis anos despois morreu subitamente a súa filla. Deste golpe apenas se recuperou e morreu catro meses despois, o 21 de abril de 1910, en Redding, Connecticut. Só sobreviviu unha das súas fillas. A súa chegada ao mundo coincidiu co paso do cometa Halley, e coñecendo a próxima visita do mesmo, Mark Twain profetizou a súa morte coincidindo coa súa aparición, equivocouse por un día. Foi recoñecido mundialmente durante os últimos anos da súa vida e recibiu, entre outros, o doutorado honoris causa pola Universidade de Oxford (Reino Unido), en 1907.
Entre outras as súas obras pódense citar:
A célebre ra saltadora do condado de Caveiras (1865)
Contos humorísticos orixinais de Mark Twain (1872)
A idade dourada (1872)
Relatos curtos (1874)
Unha excursión tranquila (1878)
Unha aventura curiosa (1881)
Príncipe e mendigo (1882), novela histórica.
O roubo do elefante branco (1882)
Un ianqui na corte do Rei Artur (1889.
Narracións humorísticas (1892)
O billete dun millón de libras esterlinas (1893)
Tom Sawyer a través do mundo (1894)
Tom Sawyer detective (1897)
Dous detectives ante un barril (1902)
Conto dun can (1904)

...e moitas máis.

venres, 14 de xaneiro de 2011

As aventuras de Tom Sawyer



O próximo libro que imos ler é As aventuras de Tom Sawyer de Mark Twain. Cremos que vos vai gustar pois é unha obra mestra da literatura universal. Cóntanos as aventuras da infancia de Tom Sawyer, un rapaz que medra no Sur dos Estados Unidos, en St. Petersburg, unha poboación da costa do río Misisipi inspirada en Hannibal (Missouri), onde medrou o autor.

Criado pola súa tía Polly, que o quere de corazón pero que o somete a unha disciplina desagradable. Un dos seus mellores amigos é Huckleberry Finn, de quen senten envexa os demais rapaces porque leva a forma de vida que eles quixesen levar. Xuntos vivirán aventuras humorísticas e dramáticas.