mércores, 1 de decembro de 2010

OUTONO

Xa sabemos que estamos máis ben cara ao final do outono, pero aínda estamos a tempo de redenlle homenaxe a esta estación. De momento deixámosvos co inicio do longuísimo poema do noso veciño Ramón Cabanillas "A traxedia das follas" que versa sobre este tema. Pertence ao seu libro Da terra asoballada.






Son os días de outono.


Son os días
en que caen desfeitas, sin arume,
as derradeiras rosas.

En bandadas,
sobre do mar, aléxanse, chilando,
cara ás terras do Sol, as anduriñas.

O chan escuro; brétemas nos vales.
De curuto en curuto, a tombos, rodan
as apromadas nubes da tromenta,
i os bruxos estorniños, enloitados,
raian nas néboas brancas, abafantes,
os misteriosos cirros dos conxuros

Vai alodado o río.
Leva arrastro
as táboas dun portelo apodrecido
e, coas ponlas ó aire, os ameneiros
arrincados a pé.

Como pantasmas
de antigos frades, en medosa noite,
da igrexa en terra no desfeito coro,
na beiramar, os altos pinos fungan
o responso da morte na campía.

¡Como se laia, cando cai a tarde,
campana da aldea!
¡Como chora
supricante, doída, polos tristes
que sobre as auguas loitan sin amparo
i os que antre sombra e neve van a tentas
ó través da montaña sin camiños!

Ningún comentario:

Publicar un comentario