mércores, 26 de febreiro de 2014

Biografía de Agustín Fernández Paz

Agustín Fernández Paz naceu no ano 1947en Vilalba (Lugo). Perito Industrial Mecánico, Mestre de Ensino Primario e Licenciado en Ciencias da Educación, traballou como mestre de EXB (a actual Educación Primaria) en diferentes centros e como profesor de Lingua e Literatura Galega no IES Os Rosais 2, de Vigo ata a súa prexubilación no 2008, ano en que gaña o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Entre 1988 e 1990 foi membro do Gabitete Julio Ferrera de Estudos para a Reforma Educativa, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, formando parte do equipo de Lingua que preparou os Deseños Curriculares para as etapas de Primaria e Secundaria. De 1990 a 1995, traballou como Coordinador Docente do Galego. Codirixe a Colección "Merlín" de literatura infantil e xuvenil. Preocupado pola renovación pedagóxica, foi membro fundador dos colectivos Avantar e Nova Escola Galega e participou na elaboración de numerosos materiais didácticos como as series Nobelos de Papel (para o ensino globalizado en galego no Ciclo Inicial), ¡Ámote, mundo! (para a Área de Experiencias), Canles, Labia e O noso galego / Lingua Galega para diferentes niveis escolares. Así mesmo é autor de numerosos traballos sobre a normalización lingüística no ensino, a didáctica da lingua, a promoción da lectura, a literatura infantil ou a introdución dos medios de comunicación nas aulas, publicados en xornais e revistas (As Roladas, Cuadernos de Pedagogía, Revista Galega de Educación, CLIJ, Signos, Textos, e Revista Galega do Ensino, na que se encargou durante varios anos da sección sobre a literatura infantil-xuvenil O pracer de ler). Polo conxunto dos seus escritos sobre cómics concedéuselle, en 1992, o "Premio Ourense de Banda Deseñada". A súa obra, merecente de abundantes premios e recoñecementos (Merlín, Lazarillo, Edebé Juvenil, Rañolas, Raíña Lupa, Protagonista Jove, Lista de Honra do IBBY, etc.), e amplamente traducida a diversas linguas, constitúe un referente incuestionable da literatura infantil-xuvenil galega. Algúns dos seus libros máis coñecidos son: • A cidade dos desexos, 1989 (novela infantil) • As flores radiactivas, 1990 (novela xuvenil) • Contos por palabras, 1991 (narrativa xuvenil). Premio Lazarillo. Seleccionada pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez como unha das cen mellores obras da literatura infantil española do século XX. • Cartas de inverno, 1995 (novela xuvenil) • Amor dos quince anos, Marilyn, 1995 (novela xuvenil) • O centro do labirinto, 1997 (novela xuvenil) • Noite de voraces sombras, 2002 (novela xuvenil) • O meu nome é Skywalker Premio Barco de Vapor • Tres pasos polo misterio, 2004 • Aire negro, 2001 • Corredores de sombra, 2006 (Novela xuvenil) • O único que queda é o amor, 2007 Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil • Non hai noite tan longa , 2011

Ningún comentario:

Publicar un comentario