venres, 20 de novembro de 2009

Quen é Manuel Rivas?


Manuel Rivas naceu na Coruña en 1957. A súa actividade literaria é moi ampla pois é novelista, ensaísta e poeta. Ademais traballa como xornalista desde os quince anos, como meritorio en El Ideal Gallego. Estudou Ciencias da Información en Madrid. Foi subdirector de Diario de Galicia. Foi e segue sendo colaborador en diversos medios de comunicación galegos e españois: El País, El Ideal Gallego, Diario de Galicia e La voz de Galicia.
Como periodista estivo sempre comprometido cos problemas sociais e ecolóxicos, converténdose en socio fundador de Greenpeace. A súa actividade como defensor da natureza adquiriu unha importancia fundamental tralo desastre ecolóxico provocado polo afundimento do Prestige.
Está considerado como unha das voces máis sobresalientes da nosa literatura contemporánea, converténdose tamén nunha rara excepción dentro do panorama da literatura mundial. Polo seu manexo da linguaxe, a súa autenticidade, a tenrura das súas historias, a profunda resonancia poética da su palabra, os seus libros van ganando adeptos non só entre nós, senón entre o público americano. A súa obra literaria está escrita orixinalmente en galego. Rivas revolucionou a nosa literatura e fundou diversas revistas literarias.
Algunhas das súas obras foron adaptadas ao cine con gran éxito como: A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda), relato incluído en su novela Que me queres, amor?, ou O lapis do carpinteiro (Antón Reixa), que foi seleccionada para presentarse nos premios Goya da Academia española de cine.
Como poeta escribiu as seguintes obras: Libro de Entroido (1979), Balada nas praias do Oeste (1985), Mohicania (1987), Ningún cisne (1989) e O pobo da noite (1997).
Obras narrativas súas son: Todo ben (1985), Un millón de vacas (1989), premio da Crítica; Os comedores de patacas (1992), En salvaxe compaña (1994), Bala perdida (1996), Que me queres, amor? (1996), O lapis do carpinteiro (2001), Ela, maldita alma (1999), A man dos paíños (2000), Galicia, Galicia e A man do emigrante (2001), As chamadas perdidas (2003)
Tamén hai recompilacións de artigos e ensaios literarios como: O bonsai atlántico (1994), O periodismo é un conto (1997), Toxos e flores (1999), e Galicia, Galicia (2001).
Recibiu moitos premios, entre eles o Premio da Crítica en Galicia, o Premio Nacional de Narrativa, o Premio da Crítica Española, o Premio da sección belga de Amnistía Internacional, o Premio Torrente Ballester, o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente e o da Crítica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario