xoves, 19 de novembro de 2009

Rosa Aneiros


Ola a todas e todos!

É un pracer acompañarvos neste inicio de camiño. Agora os pasos son aínda preguiceiros, os músculos non están afeitos ao cansazo e os pés tropezan turronamente contra as pedras. Pero axiña esqueceredes a lacazanería, as maniotas e as patadas, axiña o camiño se volverá amigo e os ollos voarán lixeiros por riba das palabras. Para ler o importante é crer e deixarse arrolar polas historias. Cómpre superar a barreira inicial da preguiza, de sentar diante do televisor, de falar polo móbil, de prender o ordenador. Logo, e despois de dous parágrafos xa a lectura nos atrapa e non nos deixa escapar. Vós xa destes esa primeira e importante alancada. Xa estades dentro dos libros. Agora gozade de cada palabra, de cada historia, de cada personaxe. E se algún non vos gusta, non rabiedes: hai millóns de libros máis con respostas non só aos vosos gustos, senón tamén ás vosas necesidades. Buscade, escollede, aprendede, gozade… Cada libro é un mundo coas portas abertas a que o descubrades así que só me queda desexarvos bo camiño!

Quería recomendarvos o libro Contos de Nadal, escrito por Manuel Rivas e con ilustracións de Miguelanxo Prado. Son oito historias que nos entregan unha imaxe diferente desas festas e nos reconcilian co sabor dunha barra de pan. Os debuxos fermosos de Miguelanxo Prado aduban uns contos escritos coa mestría de Rivas, ese que escribe coa orella nunha buguina e cos dedos retorcendo migallas de fariña. Xa me contaredes.


BIOBIBLIOGRAFÍA
Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación impresos e dixitais, entre eles culturagalega.org (sección “Agardando as lagarteiras”), Diario de Pontevedra, El Progreso, Galicia Hoxe, Diario de Ferrol (a través da axencia AGN), El País, Grial, Fadamorgana ou Casa da Gramática, ademais do programa “Un día por diante” da Radio Galega. En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre (2002), Resistencia (Xerais, 2003, oito edicións dende a súa publicación), O xardín da media lúa (Galaxia, 2004), Veu visitarme o mar (Xerais, 2004), Ás de bolboreta (Xerais 2009), Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil e Sol de Inverno (Xerais, 2009), Premio Xerais de Novela 2009. Ten publicados relatos nos volumes colectivos Narradoras (Xerais, 2000); Relatos (1999), Relatos gañadores do Pedrón de Ouro 1998-1999-2000 (2001) ), Seis ferroláns (2003), Alma de beiramar perdida (2003), Botella ao mar (2003) ou Narradio (Xerais, 2003). Conta, ademais, no seu haber con recoñecementos como o Modesto Rodríguez Figueiredo (Pedrón de Ouro, 1998); o Manuel Lueiro Rey (1996); o Manuel Murguía (2001), o Carvalho Calero (2001), o Premio Arcebispo Juan de San Clemente (2003), o Premio Careón 2006 ou o Premio da Crítica Losada Diéguez (2005), ademais do Premio Caixanova Francisco Fernández del Riego en 2007 polo artigo xornalístico “A última vaca”. Os seus artigos literarios están recollidos nos volumes Agardando as lagarteiras (culturagalega.org, 2003) e Ao pé do abismo (Xerais, 2007).

Ningún comentario:

Publicar un comentario