mércores, 9 de decembro de 2009

Enciclopedia de "O namorado de María"

Pensando sobre todo no alumnado máis novo do noso club, fixemos esta pequena enciclopedia do 1º dos contos do libro de Manuel Rivas, "O namorado de María", para axudarvos a entendelo.

Satie: Erik Satie (Calvados, 1866-París, 1925) foi un compositor e pianista francés. Cun estilo inclasificable, avanzou a ruptura formal e tonal da música contemporánea. Tamén se dedicou durante un tempo á música de cabaré. A súa obra é tan extravagante como a súa vida: conduta transgresora, carácter insoportable e intransixente, militou en confesións relixiosas das que era o único membro,… En 1924 apareceu nunha película de René Clair titulada Entreacto. Inventou a música de mobiliario, aquela composta especificamente para non ser escoitada, anticipando así a música ambiental dos espazos públicos. Baseou a súa obra no humor e na ironía. Só cando morreu, cando entraron no seu apartamento, os seus amigos viron a miseria na que vivía á que describía como “a rapaza de grandes ollos verdes”.

Ibsen: (Noruega, 1828-1906) Está considerado como o máis importante dramaturgo e poeta noruegués. É o pai do drama realista moderno. Na súa época as súas obras foron consideradas escandalosas, pero aínda hoxe seguen tendo vixencia. É un dos autores non contemporáneos máis representados hoxe en día. Escribiu obras como O pato silvestre, Peer Gynt, Espectros, Hedda Gabler, Inimigo do pobo… pero a máis importante de todas é Casa de bonecas. Nesta peza exponse a relación de sexos a través do matrimonio Helmer. Nora, a protagonista, converteuse en bandeira do feminismo, sobre todo a partir do seu final, cando Nora dá unha portada.
No relato de Manuel Rivas os protagonistas (Martín e Chefa) representaron a obra de teatro Casa de bonecas. Martín facía de Rank e Chefa de Nora.

Marqués de Queensberry: o noveno marqués de Queensberry chamábase John Sholto Douglas (1844-1900) foi o creador das regras do boxeo moderno. Nelas estableceu un límite de tres minutos para cada asalto e o reconto para os “fóra de combate” quedaron fixados en dez segundos. Tamén estableceu as diferentes categorías de peso da especialidade e o uso de guantes de boxeo “da mellor calidade e novos”.

Gary Cooper: (1901-1961) foi un actor estadounidense de ascendencia inglesa que gañou o premio Oscar en dúas ocasións polas películas Sarxento York de Howard Hawks e So ante o perigo de Fred Zinnemann. Tamén protagonizou os filmes O orgullo dos Yankis, Por quen dobran as campás, Adeus ás armas, A árbore do aforcado,… e así ata máis de cen películas. A súa popularidade baséase no seu estilo sobrio e natural á hora de actuar. Era alto e encarnaba mellor ca ninguén ao “americano ideal”, home íntegro e cabaleiroso.

Maquis: guerrilla antifascista de resistencia española, comezou durante a guerra civil.

Ditadura de Franco: correspóndese co período da historia de España na que o xeneral Franco goberna España baixo unha ditadura que elimina todo tipo de liberdades. Durou desde o ano 1939 (fin da guerra civil) ata 1975 (ano da morte do xeneral).

2ª Guerra Mundial: conflito bélico que comezou en 1939 e rematou en 1945. Nel enfrontáronse as potencias do Eixo (Alemaña, Italia e Xapón) contra os Aliados (Gran Bretaña, Francia, EEUU, etc.). Foi a guerra máis xeralizada e destrutiva que coñeceu a humanidade.

O Foucelllas: guerrileiro antifranquista que resitiu 16 anos fuxido no monte. Naceu en 1908 en Mesía (A Coruña). Detéñeno en 1952 a 200 metros da cova na que se refuxiaba, recibe varios impactos de bala nas extremidades, pois queríano coller vivo. Senténciano a morte no garrote vil. Máis información en http://www.vieiros.com/nova/24049/o-foucellas-guerrilleiro-e-mito-popular.

Tiziano: pintor italiano nacido en 1487. Dota as figuras dun sentimento de pena convincente, á vez que ordena os feitos con realismo e amosa as paisaxes con gran viveza. Realizou numerosos retratos que destacan por captar a psicoloxía do personaxe e polos detalles do vestiario e do escenario. Faleceu en 1576 en Venecia, vítima da peste. Podedes ver a súa obra en moitas páxinas web, entre elas http://pintura.aut.org/BU04?Autnum=11.154

Ningún comentario:

Publicar un comentario