martes, 7 de maio de 2013

Os diarios de Carlota

Imos iniciar unha nova lectura de cara ao final de curso. Desta vez centrámonos nos diarios de Carlota da autora Gemma Lienas. Mercamos exemplares variados en cores e idiomas. Xa vos explicamos que cada cor trata unha temática distinta.

O diario vermello de Carlota achéganos as experiencias sexuais da rapaza, tratando temas como as relacións, o embarazo, os anticonceptivos, a homosexualidade, as enfermidades de transmisión sexual, etc. Realmente o libro vén sendo unha mestura de diario e novela, á vez que un manual para entender a sexualidade feminina. Dalgún xeito esta lectura complementa as clases de bioloxía e os obradoiros de educación sexual.




El diario amarillo de Carlota ten como tema principal a droga. Tal e como di a reseña da editorial Destino "Carlota escribe este novo diario a partir de testemuños que vai recollendo e das explicacións que recibe da súa contorna máis inmediata e, sobre todo, dun médico do seu club de fútbol preferido". Deste xeito "Carlota adéntrase no complexo mundo das drogas, convencida, coma sempre, de que só cando dispós de toda a información podes realmente dicidir".
O libro pretender responder a "unha serie de interrogantes: que tipos de drogas hai?, que efectos provoca cada unha?, que é a adicción?, e a síndrome de abstinencia?


El diario azul de Carlota trata sobre a violencia psíquica, física e sexual que sofren moitas mulleres, pero tamén afronta a vilencia escolar e infantil. Na reseña da editorial El Aleph dísenos que "Carlota decide tomarse unhas vacacións sentimentais e empezar un novo diario sobre a violencia de xénero. A partir de testemuños que vai recollendo e das confidencias de súa nai, súa avoa e súa tía Octavia, Carlota descobre que a idea do amor romántico é máis daniña para as rapazas e as mulleres que para os rapaces. Elas aínda cren que teñen que atopar o seu príncipe azul. Eles, en cambio, non lles dan tantas voltas á cabeza."


O diario violeta de Carlota fala da situación da muller no mundo actual, invitándonos a reflexionar, ás veces con humor, outras con rabia e impotencia, sobre o tema. A reseña da editorial Galaxia di que "un día Carlota recibe da súa avoa a encomenda de observar o mundo cunhas lentes de cor violeta, é dicir, dende unha óptica feminista e igualitaria. Axiña vai entender, e nós con ela, que hai moitísimas situacións do noso día a día que tomamos como normais cando, en realidade, son todo un exercicio de discriminación e inxustiza."




Ide elixindo o voso e pasade a recollelos pola biblio!!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario