martes, 10 de maio de 2011

O capitán Acab

Manuel Marín ilustra a descrición do capitán Acab que máis abaixo copiamos do libro. Imaxinabádelo así? O próximo xoves comentaremos a vosa visión.



"Como o buque levou áncoras o día de Nadal, tivemos durante un treito un tempo realmente polar (...) e foi unha daquelas mañás de transición, menos ameazadoras, pero sempre grises, cando, ao subir a cuberta para a segunda garda matinal, botei a vista cara ao coroamento de popa, e fun presa dun estremecemento de mal agoiro. A realidade superaba os temores: o capitán Acab estaba plantado no alcázar.
Non presentaba síntoma aparente de enfermidade corrente nin de convalecer de ningunha. Parecía un home ao que se acabase de retirar do suplicio da fogueira cando xa as lapas comezaban a prender nos seus membros, aínda que sen consumilos nin quitarlles a robusta firmeza. Toda a súa alta e ancha humanidade parecía feita de bronce macizo, fundido nun molde inalterable, como o Perseo de Cellini. De entre os seus cabelos grises asomaba unha cicatriz estreita como unha vara dun branco lívido que lle corría por un lado do rostro queimado e o pescozo, ata desaparecer entre a roupa. Semellaba a fenda perpendicular que deixa ás veces no alto tronco dunha gran árbore, levando a casca antes de afundirse no chan, pero deixándoa viva e vizosa, aínda que sinalada. Non sabería dicir se aquel sinal era de nacemento ou a cicatriz dalgunha ferida, pois, por algún acordo tácito, non se fixo en toda a travesía alusión ningunha a ela. Unha vez só afirmou Tashtego, o pai, indio ancián da Gay-Head, que formaba parte da tripulación, que ata despois dos corenta anos, non tiña Acab semellante sinal, e que non a recibira en ningunha liorta, senón loitando cos elementos do mar. (…)
O aspecto de Acab e aquel sinal lívido afectáronme tan profundamente que durante os primeiros instantes non me decatei de que parte do meu impoñente horror se debía a aquela bárbara pata branca en que se sostiña. Xa oíra eu que aquela perna de marfil improvisáraa en alta mar co óso brunido dunha mandíbula de cachalote.
Sorprendeume a singular postura que presentaba. A cada lado do alcázar do Pequod, e moi preto dos obenques de mesana, había tradeados na cuberta dous buracos dunha media polgada de profundidade.. Metía nun deles a pata de marfil e, agarrándose a un obenque, el capitán Acab sostíñase moi teso, mirando fixamente por enriba da proa oscilante do buque. Había na dirección fixa e imperturbable daquela mirada unha firmeza infinita, unha vontade resolta e inflexible. Non dicía palabra, nin os seus oficiais lle dicían nada, pero, nos seus pequenos xestos e expresións, denotaban estes a convicción inquieta, xa que non penosa, de atoparse baixo a mirada dun xefe preocupado. Non era só iso, senón que o enrabechado Acab alzábase ante eles cunha angustia, ao parecer eterna, no rostro; con toda a indicible e avasalladora maxestade dalgún tremendo infortunio."

Ningún comentario:

Publicar un comentario