martes, 27 de xaneiro de 2015

Biografía de Suso de Toro

O escritor Suso de Toro (Xesús Miguel de Toro Santos) naceu en Santiago de Compostela no ano 1956. Licenciouse en Arte Moderna e Contemporánea, pero tamén é coñecido como guionista de televisión e colaborador tanto na prensa coma na radio. Publicou máis de veinte libros en galego de narrativa, teatro e ensaio. Entre as súas novelas destaca Trece badaladas, pola que recibiu o Premio Nacional de Narrativa no ano 2003 e que foi levada ao cine. A súa obra está traducida a varios idiomas e foi obxecto de estudo en diversas universidades europeas. Seu irmán, Xelís de Toro, tamén é escritor. En abril de 2010 anunciou a súa retirada como escritor profesional, retomando a súa carreira de profesor de lingua e literatura galega de secundaria. Recoñecidas obras súas son, entre outras: Caixón desastre, Polaroid (Premio da Crítica de narrativa galega), Land Rover, Ambulancia, Tic-tac (Premio da Crítica de narrativa galega), A sombra cazadora , Conta saldada, Unha rosa é unha rosa, Calzados Lola (Premio Blanco Amor), Trece badaladas (Premio Nacional de Narrativa), Morgún, Home sen nome, Sete palabras Tamén ten obra xornalística e de ensaio, como: O pais da brétema (Unha viaxe no tempo pola cultura celta), A carreira do salmón ou Outra Galiza. Dúas das súas obras foron levadas ao cine, trátase de Trece badaladas de Xavier Villaverde e Polaroid. Nada pola mañá de Chema Montero. Se queredes botarlle unha ollada ao seu blog, aínda que xa o deu por rematado, podedes facelo no seguinte enlace:

martes, 20 de xaneiro de 2015

Servicio de urxencias

O club de lectura quere rirse a esgalla, por iso imos ler Servicio de urxencias de Suso de Toro neste comezo de trimestre. Como di a contraportada do libro "O humor é unha forma de encaixar a dureza das nosas vidas (...), e por iso encerra o contrasentido de facernos rir das cousas que deben movernos a compaixón." O libro métenos de cheo nun servicio de urxencias hospitalarias, e convivimos coas doutoras Chus Nespereira e Encarna Silva, co novo médico residente Paulino Pereira e co "arranxatodo" Cipriano.