mércores, 6 de xuño de 2012

Charla de Carlos Negro

O xoves 21 de maio veu visitarnos o escritor Carlos Negro para falarlles ás mozas e mozos de 3º da ESO do seu libro Makinaria, o cal leron na clase e sobre o que traballaron. Foi moi emocionante oír de novo os poemas pero desta vez por boca do seu autor. Poucas veces contamos con este privilexio, moitos autores veñen e fálannos de como crearon a súa obra, ou falan da súa vida, pero neste caso Carlos recitounos poesía, a súa poesía tal e como a percibe. Pero non só iso, tamén nos concienciou, sobre todo ao alumnado, e dun xeito moi visual, do dramática que pode ser a velocidade. Makinaria é un libro dirixido a estes mozos e mozas que sente que todo lles sabe a pouco, que chocan coas xeracións anteriores, que ven o futuro moi escuro e buscan unha saída atolada á súa vida. Gustounos o libro e gustounos a charla, e para demostralo deixámosvos unhas imaxes. Como podedes ver, atendían con moito interese. Ademais os rapaces e rapazas tiveron que traballar sobre o libro, e debían escoller cadanseu poema e plasmalo plasticamente. A forma de facelo debían escollela eles e houbo maioritariamente cartolinas con imaxe e texto, pero tamén houbo quen fixo un fermoso power point (Iria Ásperez e María Castro) e un vídeo Paula Reiriz e Enma González). Intentaremos colgalos en breve. Aínda que esta charla estivo organizada polo Departamento de Lingua e Literatura Galega xunto con Normalización Lingüística, non hai que esquecer que boa parte do club de lectura estivo alí, pois hai bastante alumnado de 3º entre nós. E precisamente coincide coas lecturas de poesía deste trimestre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario