luns, 25 de outubro de 2010

Reunión

Ola a todos e todas:
Este xoves 28 temos a reunión final do libro Fenris, el elfo de Laura Gallego. Vémonos na biblioteca no segundo recreo. Supoñemos que a lectura non vos deu problemas.

mércores, 20 de outubro de 2010

mércores, 13 de outubro de 2010

Fenris, el elfo



Fenris, el elfo é o libro co que iniciamos o club de lectura do curso 2010-11. Xa sabedes que é de Laura Gallego García, unha escritora que publicou moitos dos títulos que vos encantan, e por este libro levades esperando bastante tempo.

“Fenris é un elfo moi especial. Ten grandes poderes e, nas noites de lúa chea, unha forza inexplicable arrástrao ata convertelo nun ser asombroso. O seu amor por Shi-Mae e o seu enfrontamento con personaxes poderosos no Reino dos Elfos van determinar o seu futuro. Aquí comeza a súa viaxe ata a Torre, situada no Val dos Lobos”.

Biografía de Laura Gallego García



Laura Gallego naceu o 11 de outubro de 1977 e empezou a escribir cando aínda era moi nova, con 11 anos. Gañou xa en dúas ocasións o premio El Barco de Vapor. É a autora de Las crónicas de la Torre (edicións SM), Finis Mundi (o primeiro libro que publicou), La leyenda del rey errante, El coleccionista de relojes extraordinarios e Fenris, el elfo. Este último é o antecendente das crónicas, triloxía que contén El valle de los lobos, La maldición del Maestro e La llamada de los muertos.

Estes son os escasos datos que aparecen na contraportada dos seus libros, pero se queredes saber máis sobre ela, deixámosvos a dirección da súa páxina web, onde ela mesma fala da súa vida, obra... Aí dinos que o seu libro favorito de sempre é A historia interminable de Michael Ende, que é afeccionada á ciencia ficción, que lle encanta a película As viaxes de Chihiro e, como non!, o personaxe de Jack Sparrow de Piratas do Caribe. Fala tamén das súas afeccións, vídeoxogos e moitas máis cousas... Bótalle un vistazo e coñece mellor á escritora valenciana.

http://www.lauragallego.com/

mércores, 6 de outubro de 2010

Benvida a todos

Xa está en marcha, un curso máis, o noso club de lectura AO PÉ DA HORTENSIA. Estades invitados a formar parte del. De momento xa somos case 20 membros entre alumnos e profes.
O primeiro libro que imos ler é Fenris, el elfo de Laura Gallego. Este libro trata dun personaxe importante da triloxía Las crónicas de la torre, que tanto éxito ten entre o noso alumnado.

Este xoves 7 de outubro imos reunirnos todos na biblioteca do centro durante o 2º recreo. Tanto se xa es membro do club como se tes pensado selo, pásate.