luns, 20 de xuño de 2011

Produtos obtidos da industria baleeira

Aceite de balea: aceites para usos industriais, iluminación e alimentación.


Espermaceti: cosméticos, lapis labiais, lapis graxos.


Ámbar gris: Fixadores de perfumes, considerado como o máis valioso dos produtos da industria baleeira.

Glándulas endocrinas e fígado : produtos farmacéuticos, hormonas, vitamina A.


Carne: Representa ao 1.7% da carne consumida en Xapón.


Na imaxe de arriba vemos onde se ubicaría o espermaceti na cabeza da balea.


A outra imaxe amosa como é o ámbar gris.

Que países cazan baleas?


Canadá: levada a cabo por pequenas poboacións Inuit.
Estados Unidos: levada a cabo por diferentes comunidades indíxenas de Alaska.
Groenlandia: levada a cabo por pequenas poboacións Inuit.
Islandia: retomou a caza comercial desde 2008, cunha cota anual de 100 rorcuais alibrancos e 150 de rorcuais comúns.
Illas Feroe: arredor de 950 caldeiróns de aleta longa son cazados cada ano como parte da súa cultura, nunha actividade regulada polas autoridades locais, pero non pola CBI.
Indonesia: levada a cabo por pequenas comunidades das illas Lembata e Solor, como parte da súa cultura e crenzas relixiosas.
Xapón: produto da moratoria á cacería comercial e ás presións internacionais, Xapón desenvolveu a chamada cacería científica, catalogado por varios países e institucións como unha cacería comercial encuberta. Tamén existe a caza anual de delfíns en Taiji, na que centos de pequenos cetáceos son capturados para a industria do entretemento e algúns son destinados ao consumo humano.
Noruega: realiza cacería comercial do rorcual alibranco, con cotas anuais en torno ás 400 ou 500 capturas.
Rusia: antigamente Rusia tiña unha importante industria en torno á captura de orcas, que diminuíu significativamente a partir da década de 1970. Actualmente, na rexión de Chukotka realízase a caza de baleas grises, cunha cota anual de 140 animais, regulada pola CBI.
San Vicente e las Granadinas: levada a cabo polos nativos de San Vicente e as Granadinas na illa de Bequia. A CBI permite unha cota anual de 4 yubartas.

Breve historia da caza de baleas



A caza de baleas consiste na obtención de recursos a partir de cetáceos. Os primeiros rexistros desta actividade remóntanse polo menos ao 3.000 A.C.
Varias comunidades costeiras cazaron baleas varadas para a súa subsistencia. A caza industrial das baleas comezou no século XVII. A principios do século XX o uso da tecnoloxía e o aumento na demanda de recursos causaron o descenso nas poboacións de baleas. Na década de 1930, matáronse unha media de 50.000 baleas por ano.
En 1986 a Comisión Baleeira Internacional prohibiu a caza comercial, co fin de permitir que as poboacións de cetáceos puidesen recuperarse. Sen embargo, permíteselles a certas comunidades continuar coa cacería de subsistencia, como parte da súa cultura. Ademais, o artigo VIII da Convención que regulamenta a caza da balea permite a cacería con fins científicos.
A caza de baleas comeza en tempos prehistóricos. Nun inicio limitábase á captura de animais na costa. Ao pasar os séculos, a técnica de caza comezou a mellorar usando pequenas embarcacións en mar aberto para asustar aos cetáceos con ruído e levalos á costa. Esta forma de cacería era usada con especies pequenas, como baleas piloto, belugas, narvais e marsopas.
Na Idade Media desde as atalaias das vilas da costa do mar Cantábrico, os vixías daban a alarma cando as baleas, escapando das augas frías do mar do Norte se achegaban a estas costas. Entón preparábanse pinazas con 10 ou 15 remeiros e un arpoeiro que cravaba o arpón na cabeza do animal, comezando unha dura loita ata que o animal era vencido e se remolcaba ata a costa.
As técnicas modernas de caza de baleas desenvolvéronse no século XIX coa demanda do seu aceite, sobre todo en Europa e Rusia.
A guerra ruso-xaponesa, ocorrida entre o século XIX e o XX, tiña como motivo central o acceso aos recursos baleeiros do mar de Xapón (mar do Leste) e do Pacífico Norte. No século XX a poboación global de cetáceos descendeu drasticamente. Co fin de proporcionar unha adecuada conservación e así facer posible o desenvolvemento controlado da industria baleeira, en 1946 créase a Comisión Baleeira Internacional. No ano 1986 ditamínase unha moratoria que rematou coa cacería comercial de cetáceos, pero que permite a chamada cacería científica, ademais da cacería de subsidencia para certas comunidades nas que esta actividade forma parte da súa cultura.

Adaptación dun artigo da wikipedia

martes, 10 de maio de 2011

A caza do vello macho chepudo


De novo Manuel Marín nos amosa a imaxe deste amargo episodio do libro. Deixámosvos nós agora o impresionante fragmento da novela. Resulta especialmente repulsivo o que nel se relata, sobre todo o anaco no que a balea aparece totalmente humanizada (“con todos os seus anos, o seu brazo amputado e os seus ollos cegos”) e condenada a unha morte irracional, sobre todo tendo en conta como remata este episodio (a balea afunde sen remedio, sen poder sacarlle a esperma cobizada. Unha morte inútil, tráxica…). Reflexionade sobre a lectura e dicide se non resulta repulsiva, desacougante... Melville era un bo mestre da descrición, demasiado bo cando pode chegar a revolvernos o estómago e poñernos os pelos de punta.



“Como as lanchas a rodeaban xa desde moi preto, podíase ver claramente toda a súa parte superior xunto con moita da que acostuma estar somerxida. Distinguíanse os ollos, ou, máis ben, o lugar onde debían estar. Como saen tumores estraños nos nós dos máis altivos carballos enfermos, saían entón do lugar que os ollos da balea ocuparan unhas protuberancias cegas, terriblemente magoantes. Pero non había mágoa ningunha. Con todos os seus anos, o seu brazo amputado e os seus ollos cegos, tiña que morrer, asasinada, para alumear as vodas e demais festexos do home e para alumear as igrexas solemnes. Envorcallándose sempre no seu sangue, acabou por deixar á vista na parte baixa do seu costado un tumor descolorido, un tumor como o tamaño dun azumbre.
-Bonito branco! –exclamou Flask-. Deixádeme que a pinche alí.
-Fóra! –gritou Starbuck-. De que serviría iso?
Mais o compasivo Starbuck non chegou a tempo. Ao contacto da lanza xurdiu un chorro purulento da ferida desapiadada, e aterrada por unha agonía insufrible, a balea, que lanzaba xa polo surtidor sangue puro, lanzouse cegamente sobre as embarcacións, anegando ás tripulacións nun diluvio de sangre, envorcando a de Flask e estragando as proas. Foi o seu postremo estertor. Estaba tan esgotada para entón pola perda de sangre, que se afastaba, desamparada, da lancha que acababa de naufragar; detívose despois, acorada, batendo as ás impotentes co toco, e, ao cabo, dando voltas e voltas como un mundo ao garete e mostrando a oculta brancura do seu ventre, quedou ríxida coma un pau e morreu. Foi impoñentemente queixoso aquel postremo surtidor, semellante ao dalgunha gran fonte cando o van cortando mans invisibles e a columna de auga baixa e baixa con gurgullos melancólicos e medio melancólicos."

O capitán Acab

Manuel Marín ilustra a descrición do capitán Acab que máis abaixo copiamos do libro. Imaxinabádelo así? O próximo xoves comentaremos a vosa visión.



"Como o buque levou áncoras o día de Nadal, tivemos durante un treito un tempo realmente polar (...) e foi unha daquelas mañás de transición, menos ameazadoras, pero sempre grises, cando, ao subir a cuberta para a segunda garda matinal, botei a vista cara ao coroamento de popa, e fun presa dun estremecemento de mal agoiro. A realidade superaba os temores: o capitán Acab estaba plantado no alcázar.
Non presentaba síntoma aparente de enfermidade corrente nin de convalecer de ningunha. Parecía un home ao que se acabase de retirar do suplicio da fogueira cando xa as lapas comezaban a prender nos seus membros, aínda que sen consumilos nin quitarlles a robusta firmeza. Toda a súa alta e ancha humanidade parecía feita de bronce macizo, fundido nun molde inalterable, como o Perseo de Cellini. De entre os seus cabelos grises asomaba unha cicatriz estreita como unha vara dun branco lívido que lle corría por un lado do rostro queimado e o pescozo, ata desaparecer entre a roupa. Semellaba a fenda perpendicular que deixa ás veces no alto tronco dunha gran árbore, levando a casca antes de afundirse no chan, pero deixándoa viva e vizosa, aínda que sinalada. Non sabería dicir se aquel sinal era de nacemento ou a cicatriz dalgunha ferida, pois, por algún acordo tácito, non se fixo en toda a travesía alusión ningunha a ela. Unha vez só afirmou Tashtego, o pai, indio ancián da Gay-Head, que formaba parte da tripulación, que ata despois dos corenta anos, non tiña Acab semellante sinal, e que non a recibira en ningunha liorta, senón loitando cos elementos do mar. (…)
O aspecto de Acab e aquel sinal lívido afectáronme tan profundamente que durante os primeiros instantes non me decatei de que parte do meu impoñente horror se debía a aquela bárbara pata branca en que se sostiña. Xa oíra eu que aquela perna de marfil improvisáraa en alta mar co óso brunido dunha mandíbula de cachalote.
Sorprendeume a singular postura que presentaba. A cada lado do alcázar do Pequod, e moi preto dos obenques de mesana, había tradeados na cuberta dous buracos dunha media polgada de profundidade.. Metía nun deles a pata de marfil e, agarrándose a un obenque, el capitán Acab sostíñase moi teso, mirando fixamente por enriba da proa oscilante do buque. Había na dirección fixa e imperturbable daquela mirada unha firmeza infinita, unha vontade resolta e inflexible. Non dicía palabra, nin os seus oficiais lle dicían nada, pero, nos seus pequenos xestos e expresións, denotaban estes a convicción inquieta, xa que non penosa, de atoparse baixo a mirada dun xefe preocupado. Non era só iso, senón que o enrabechado Acab alzábase ante eles cunha angustia, ao parecer eterna, no rostro; con toda a indicible e avasalladora maxestade dalgún tremendo infortunio."

luns, 2 de maio de 2011

Ilustración de Queequeg (Moby Dick)

Esta é a ilustración que fixo Manuel A. Marín de Queequeg, un dos arpoeiros do Pequod.

No libro este personaxe aparece descrito así: "¡Vaia unha cara! De cor escura, entre amarelada e púrpura, e toda chea de grandes cadrados mouros. (…) Quitou entón o chapeu, de castor novo, e por pouco escapáseme un berro de sorpresa. Non tiña pelo na cabeza… ningún, polo menos digno de mención… agás unha pequena guedella retorcida sobre a fronte. Aquela cabeza calva e purpúrea parecía unha caveira balorenta."




"Aínda que algunhas baleas se moveron violentamente, a totalidade do rabaño non avanzaba nin retrocedía, quedando agrupado no mesmo sitio. Como en tales casos sucede, as baleeiras separáronse no acto dirixíndose cada unha a algunha balea solitaria nas aforas do banco. Ao cabo de tres minutos xa saíra polo aire o arpón de Queequeg. O animal alcanzado salpicounos o rostro con cegadora escuma e, remolcándonos coa velocidade da luz, lanzouse cara ao centro do rabaño. Aínda que tal actitude por parte dunha balea ferida non é desacostumada, e case sempre se intúa, non por iso deixa de constituír unha das máis perigosas vicisitudes das pesquerías, pois a medida que o veloz monstro se introduce no frenético rabaño, desaparece a vida tranquila, para non existir senón angustias delirantes.
Mentres, cego e xordo, o cachalote lanzábase cara a adiante, como se quixese librarse a forza de velocidade da férrea samesuga que se lle pegara, e en tanto trazabamos nós un suco profundo e branco na auga, ameazados por todas partes polos frenéticos animais que corrían dun lado para outro ao noso redor, a nosa baleeira acurralada era como un buque circundado de icebergs nunha tempestade.
Sen amedrentarse o máis mínimo, Queequeg gobernaba o bote virilmente, ora apartándose dun monstro que nos pechaba o paso por diante, ora sorteando algún outro que nos ameazaba por arriba, coa súa enorme cola, en tanto que Starbuck se mantiña plantado a proa, lanza na man, aguilloando e apartando as baleas que podía alcanzar con lanzadas curtas, xa que non había tempo para dálas longas. Tampouco os nosos remeiros estaban totalmente ociosos, aínda que se prescindise da súa tarefa habitual. Corría ao seu cargo a parte dos berros. “¡Quítate do medio, comodoro!”, gritáballe un a un gran dromedario que xurdía de pronto na superficie, ameazando somerxernos. “¡A ver se baixas a cola, ti!”, bradáballe outro a un segundo animal que parecía abanicarse continuamente coa cola xunto á nosa borda."