luns, 2 de maio de 2011

Ilustración de Queequeg (Moby Dick)

Esta é a ilustración que fixo Manuel A. Marín de Queequeg, un dos arpoeiros do Pequod.

No libro este personaxe aparece descrito así: "¡Vaia unha cara! De cor escura, entre amarelada e púrpura, e toda chea de grandes cadrados mouros. (…) Quitou entón o chapeu, de castor novo, e por pouco escapáseme un berro de sorpresa. Non tiña pelo na cabeza… ningún, polo menos digno de mención… agás unha pequena guedella retorcida sobre a fronte. Aquela cabeza calva e purpúrea parecía unha caveira balorenta."




"Aínda que algunhas baleas se moveron violentamente, a totalidade do rabaño non avanzaba nin retrocedía, quedando agrupado no mesmo sitio. Como en tales casos sucede, as baleeiras separáronse no acto dirixíndose cada unha a algunha balea solitaria nas aforas do banco. Ao cabo de tres minutos xa saíra polo aire o arpón de Queequeg. O animal alcanzado salpicounos o rostro con cegadora escuma e, remolcándonos coa velocidade da luz, lanzouse cara ao centro do rabaño. Aínda que tal actitude por parte dunha balea ferida non é desacostumada, e case sempre se intúa, non por iso deixa de constituír unha das máis perigosas vicisitudes das pesquerías, pois a medida que o veloz monstro se introduce no frenético rabaño, desaparece a vida tranquila, para non existir senón angustias delirantes.
Mentres, cego e xordo, o cachalote lanzábase cara a adiante, como se quixese librarse a forza de velocidade da férrea samesuga que se lle pegara, e en tanto trazabamos nós un suco profundo e branco na auga, ameazados por todas partes polos frenéticos animais que corrían dun lado para outro ao noso redor, a nosa baleeira acurralada era como un buque circundado de icebergs nunha tempestade.
Sen amedrentarse o máis mínimo, Queequeg gobernaba o bote virilmente, ora apartándose dun monstro que nos pechaba o paso por diante, ora sorteando algún outro que nos ameazaba por arriba, coa súa enorme cola, en tanto que Starbuck se mantiña plantado a proa, lanza na man, aguilloando e apartando as baleas que podía alcanzar con lanzadas curtas, xa que non había tempo para dálas longas. Tampouco os nosos remeiros estaban totalmente ociosos, aínda que se prescindise da súa tarefa habitual. Corría ao seu cargo a parte dos berros. “¡Quítate do medio, comodoro!”, gritáballe un a un gran dromedario que xurdía de pronto na superficie, ameazando somerxernos. “¡A ver se baixas a cola, ti!”, bradáballe outro a un segundo animal que parecía abanicarse continuamente coa cola xunto á nosa borda."

Ningún comentario:

Publicar un comentario