mércores, 7 de novembro de 2012
Relatos de terror: "Reencarnación despois da morte"
REENCARNACIÓN DESPOIS DA MORTE
Por Mónica Pérez Martínez (2º B)
Acostumado a durmir coa ventá aberta, e non facer caso ao que miña nai sempre lle dicía, agora, meu irmán maior colleu unha gripe. Os nosos medios non nos permiten tan sequera pagar os medicamentos, a atención dun médico, nin moito menos unha comidiña diaria. Eu xa me acostumara a comer pouco, porque da comida que chegaba á casa, eu comía pouco, ou, ás veces, ningunha.
A medida que os días pasaban, meu irmán Amancio ía a peor. Xa non pode dicir unha frase sen tusir polo medio, e de toda a moqueira que tiña, usaba moitísimos panos cada día.
- Non aguanto máis! –dixo miña nai-. Non podo ver así a Amancio máis tempo ou enfermarei eu tamén!
- Mamá –dixen- por que non usas os cartos aforrados para a escola que deixou papá ao morrer?
Colleu a miña idea, e de aí a uns días, o médico de Tui, catedrático no nonseiqué do nonseiquemáis, estaba na nosa chaboliña, en Maceda.
Deixámolo a soas co meu irmán na súa habitación, toda chea de farrapos e panos, e agardamos. Estivemos esperando os dez minutos máis longos das nosas vidas, entón o médico saíu.
- Que ten doutor? Que lle pasa ao meu Amanciño? –dixo a mamá.
- Non o sei con claridade, pero se é unha pulmonía a Amancio quédalle pouco tempo de vida. A enfermidade está moi desenvolta, e o uso de medicamentos ou inxeccións no seu organismo sería inútil.
Miña nai botou a chorar como nunca, e a patear e berrar tirada no chan como unha rapaciña.
[…]
De alí a un pouco fomos a xunto de Amancio ver como estaba. Cando o vin, tirado na cama, débil e indiferente, escorregoume unha bágoa pola meixela da que non me molestei en secar o seu rastro.
De súpeto, todo se volveu gris. Só puiden ver a meu irmán e a cinco encarapuchados, cinco ánimas que viñeron levalo. Entón volveuse todo negro.
[…]
Abrín os ollos. Estaba tirado na cama coa miña nai ao meu carón, chorando e rezando. Púxenlle unha man na meixela e díxenlle:
- Mamá…
Entón decateime de que aquela non era a miña voz. Erguinme da cama e vin o meu corpo no chan e apoiado contra a parede do outro lado da habitación. Mirando cara a min…
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario