venres, 11 de marzo de 2011
Biografía de Salinger
O escritor estadounidense Jerome David Salinger naceu en Nova York –Manhattan- o 1 de xaneiro de 1919 e morreu en Cornish, Novo Hampshire, o 27 de xaneiro de 2010. Foi coñecido sobre todo pola súa novela O vixía no centeo (The Catcher in the Rye), un libro clásico da literatura moderna estadounidense desde o mesmo momento da súa publicación, en 1951.
J. D. Salinger era fillo de Sol Salinger, un comerciante xudeu de queixos, e de Marie Jillich, católica escocesa-irlandesa, quen se converteu ao xudaísmo ao casar. Foi un estudante pouco brillante, e durante a súa adolescencia xa se dedicou a escribir relatos. Viviu nun apartamento de Park Avenue, en Manhattan e cursou estudos na Academia Militar de Valley Forge, en Pensilvania.
En 1939 asistiu a un curso de narrativa curta na Universidade de Columbia e escribiu críticas de cine para a revista estudantil.
Comezou a súa traxectoria literaria escribindo relatos para revistas de Nova York: Story, Saturday Evening Post, Esquire e The New Yorker, na década de 1940; publicou ademais dous capítulos do que posteriormente sería O vixía no centeo antes de alistarse como voluntario para combater na Segunda Guerra Mundial.
Participou no desembarco de Normandía (1944) como soldado de infantería e durante os seus primeiros meses en Europa escribiu algúns contos; os horrores do combate deixáronlle unha traumática pegada, o que se percibe nalgúns dos seus relatos, especialmente en Un día perfecto para o peixe banana, sobre un ex soldado suicida, e tamén Para Esmé, con amor e sordidez.
En 1945, Salinger casou cunha médico francesa chamada Sylvia, da que se divorciou ao ano seguinte; en 1955 casou de noco con Claire Douglas, da que tamén se divorciou en 1967.
O vixía no centeo foi a súa primeira novela curta. Publicouse en 1951 e fíxose moi popular entre os críticos e os mozos. A historia está narrada en primeira persoa por Holden Caulfield, un adolescente rebelde e inadaptado. Esta novela soubo captar fielmente a adolescencia e as súas contradicións.
Posteriormente, Salinger publicou outras obras:
• as coleccións de relatos Nine Stories (Nove cuentos) en 1953;
• Franny y Zooey, en 1961;
• en 1963 unha colección de novelas cortas Raise High the Roof Beam, Carpenters e Seymour: An introduction (Levantade, carpinteiros, a viga do tellado e Seymour: unha introdución), protagonizados pola disfuncional familia Glass.
Logo de ser recoñecido como un escritor famoso, Salinger converteuse nun eremita, apartándose do mundo exterior e protexendo ao máximo a súa privacidade. Trasladouse de Nova York a Cornish (New Hampshire), onde continuou escribindo historias que nunca publicou.
Como curiosidade: a película Descubrindo a Forrester, protagonizada por Sean Connery está baseada en Salinger. Ademais, foi moi importante a influencia exercida en escritores como Lemony Snicket e a súa Unha serie de catastróficas desdichas.
Salinger influíu sobre unha xeración enteira de escritores, entre os que se poden citar a John Updike, Harold Brodkey y Philip Roth.
En 2008 o cantante Axl Rose (Guns N' Roses) inspirouse en O vixía no centeo para darlle forma e nome a unha das cancións do álbum Chinese Democracy.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario