martes, 25 de xaneiro de 2011

Biografía de Mark Twain



Samuel Langhorne Clemen, verdadeiro nome de Mark Twain, foi un escritor e humorista norteamericano. Naceu nunha aldea de Florida, en Misuri, á que emigraran seus pais para estar preto dun próspero tío seu, John, propietario dunha tenda, unha granxa e uns vinte escravos negros. Aos catro anos, trasladáronse á vila próxima de Hannibal (Misuri), porto fluvial no río Mississippi onde realizou os seus primeiros estudos. Hannibal serviu de inspiración para a vila ficticia de San Petersburgo en As aventuras de Tom Sawyer e As aventuras de Huckleberry Finn. Nesa época, Misuri era un estado escravista e o mozo Twain estaba familiarizado coa escravitude, tema que explorou máis tarde nos seus escritos.
En 1851 comeza a publicar algúns breves relatos de viaxes no Journal de Muscatine, que pertencía ao seu irmán maior Orion. Con este irmán, viaxa por Nova York, Filadelfia e outras cidades. Ao longo da súa vida traballou de mineiro de prata, impresor, buscador de ouro, de piloto dun barco de vapor e de xornalista comezando a firmar co pseudónimo Mark Twain, adoptado dunha expresión típica dos cantos de traballo dos negros nos barcos do río Mississippi, que significa «marca dúas brazas de profundidade», o calado mínimo necesario para a boa navegación.
En 1870 casou con Olivia Langdon, o gran amor da súa vida, a quen chamou Livy. Olivia era filla dun capitalista progresista que axudou a escapar a moitos escravos.
Twain escribiu libros de viaxes, como A tramp abroad (1880) sobre unha excursión aos Alpes e á Selva Negra alemá, e o clásico Vida no Mississippi (1883) (primeira novela escrita a máquina), que se centra na súa infancia e xuventude. As súas obras mestras son dous libros, en parte autobiográficos: As aventuras de Tom Sawyer (1876), As aventuras de Huckleberry Finn (1884), nos que conta unhas aventuras cheas de vida que se desenvolven nun pequeno poboado nas marxes do Mississippi.
A desgraza cebouse na súa familia. A súa filla maior, Susy, morreu de meninxite, Livy quedou inválida e outro fillo morreu por un descoido seu, como dolorosamente conta na súa Autobiografía. Debido aos apuros económicos, o escritor sumiuse no pesimismo e na misantropía.
Fixo unha esgotadora viaxe coa súa muller por Sudáfrica, Calcuta, Australia e Nova Zelanda dando conferencias, e quedaron a vivir en Nova York. A súa muller morreu en Florencia en 1904 e seis anos despois morreu subitamente a súa filla. Deste golpe apenas se recuperou e morreu catro meses despois, o 21 de abril de 1910, en Redding, Connecticut. Só sobreviviu unha das súas fillas. A súa chegada ao mundo coincidiu co paso do cometa Halley, e coñecendo a próxima visita do mesmo, Mark Twain profetizou a súa morte coincidindo coa súa aparición, equivocouse por un día. Foi recoñecido mundialmente durante os últimos anos da súa vida e recibiu, entre outros, o doutorado honoris causa pola Universidade de Oxford (Reino Unido), en 1907.
Entre outras as súas obras pódense citar:
A célebre ra saltadora do condado de Caveiras (1865)
Contos humorísticos orixinais de Mark Twain (1872)
A idade dourada (1872)
Relatos curtos (1874)
Unha excursión tranquila (1878)
Unha aventura curiosa (1881)
Príncipe e mendigo (1882), novela histórica.
O roubo do elefante branco (1882)
Un ianqui na corte do Rei Artur (1889.
Narracións humorísticas (1892)
O billete dun millón de libras esterlinas (1893)
Tom Sawyer a través do mundo (1894)
Tom Sawyer detective (1897)
Dous detectives ante un barril (1902)
Conto dun can (1904)

...e moitas máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario