luns, 30 de novembro de 2009
Ao pé da hortensia
Por que nos chamamos así? Se mirades calquera das fotos do grupo (na etiqueta Membros do club) poderedes ver que sempre nos reunimos ao pé dunhas hortensias que están no noso marabilloso xardín. Aínda que separadas pola enorma ventá que fai a vez de parede, elas sempre están presentes nas nosas xuntanzas.
domingo, 29 de novembro de 2009
QUEN É QUEN?
luns, 23 de novembro de 2009
Miguelanxo Prado

Naceu na Coruña en 1958. A súa traxectoria artística iniciouse na década dos anos 80 en pleno auxe do cómic adulto, chegando a publicar algunhas historias nas mellores revistas da época, como Creepy, Comix Internacional, Zona 84, El Jueves, Cairo e Cimoc.
A principios dos 90 dedícase ao deseño de personaxes animados en televisión, para a televisión de Galicia no programa Xabarín Club e en Estados Unidos na serie Men in Black , producida por Steven Spielberg. Desde o ano 1998 é director do salón do cómic Viñetas desde el Atlántico na cidade da Coruña.
En 2005 viu publicada unha adaptación do capítulo 64 da segunda parte de El Quijote na obra colectiva Lanza en astillero.
No 2006 presentou De Profundis, a súa primeira longametraxe de animación. De profundis é a primeira película feita de pinturas ao óleo animadas.“É una gran metáfora de 75 minutos, un poema visual e musical”, como declarou o propio Prado. O filme non ten diálogos, unicamente poesía en off e a música de Nani García. Por iso, o director engade que a película “non quere convencer, senón suxerir. Non pretende impor a súa realidade ao espectador a través do prodixio técnico, senón conseguir a súa complicidade sentimental e estética”. “A quen lle aburra contemplar un atardecer durante 10 minutos, resultaralle aburrida a película”, avisa o debuxante.
O título De profundis, nada ten que ver coa novela epistolar de Oscar Wilde, senón que fai referencia ao lugar onde se sitúa a película: o fondo do mar. O argumento conta como un pintor viaxa como mariñeiro nun pesqueiro. Cando se desencadea unha tormenta, e unha onda xigantesca afunde a embarcación, a muller do pintor, desde a soidade da súa casa, intúe e presaxia a traxedia. É unha homenaxe ao mar, a nosa reserva de vida e esperanza, e símbolo dos nosos pesadelos e soños”.
Recoñecido internacionalmente e premiado en diferentes salóns especializados (Porto, Xenebra, Treviso, Barcelona, Angouleme, etc.) o seu traballo abarca os diferentes campos do grafismo e a ilustración, desde a pintura e o deseño gráfico ata colaboracións para televisión (Xabarín Club) ou prensa (na edición dominical de La Voz de Galicia, nas revistas Luzes de Galiza, Galicia Internacional e Tempos...).
A súa obra é ampla, moita dela coñecida por todos vós:
Fragmentos de la enciclopedia délfica (1982-1983), foi o seu primeiro libro publicado por capítulos na revista 1984, nela dinos como será a hipotética historia da humanidade nos próximos 10.000 anos.
Stratos (1984-1985): é una reflexión sobre os aspectos máis absurdos da nosa sociedade.
Crónicas Incongruentes (1985-1986) terceiro libro cheo de humor.
Quotidianía Delirante (1988, 1990 y 1996) conxunto de historias que, segundo el mesmo di, moitas lle sucederon persoalmente a el ou a amigos,e que nalgún caso foron esaxeradas adrede.
Tanxencias (1987-1996): fala das relacións sentimentais de personaxes máis ou menos acomodados da nosa sociedade.
Trazo de Tiza (1993): trátase de 16 selos que Correos sacou con ilustracións do autor. Fixeron unha tirada de un millón de selos que se esgotou axiña.
Pedro e o lobo (1997) é o primeiro libro feito para o público infantil, aínda que tamén é gozado polos adultos. Alterou o final do conto de Prokofief debido ás novas sensibilidades co problema medioambiental
The Sandman, Noites eternas foi un proxecto conxunto con Neil Gaiman (autor do guión)
A Mansión de los Pampín (2005) feita a petición do colexio de arquitectos de Galicia para abordar de xeito didáctico a problemática urbanística.
Bala Perdida (1996) onde le graficamente a obra de Manuel Rivas
Se queres saber máis sobre a súa obra podes visitar o seu blog: miguelanxoprado.com.
Contos de Nadal

O seguinte libro que imos ler nestes días ata as vacacións de Nadal é Contos de Nadal, de Manuel Rivas con ilustracións de Miguelanxo Prado, dúas persoas que representan o mellor de Galicia, e de fóra, nas súas respectivas artes.
Como xa puidestes ler no apartado “Falan con nós” este libro foinos recomendado pola escritora Rosa Aneiros quen cre que estas “oito historias nos entregan unha imaxe diferente desas festas e nos reconcilian co sabor dunha barra de pan. Os debuxos fermosos de Miguelanxo Prado aduban uns contos escritos coa mestría de Rivas, ese que escribe coa orella nunha buguina e cos dedos retorcendo migallas de fariña”. Xa che contaremos, Rosa.
E a todos vós tamén. Lede este libro canda nós e comentádenos as vosas impresións.
venres, 20 de novembro de 2009
Quen é Manuel Rivas?

Manuel Rivas naceu na Coruña en 1957. A súa actividade literaria é moi ampla pois é novelista, ensaísta e poeta. Ademais traballa como xornalista desde os quince anos, como meritorio en El Ideal Gallego. Estudou Ciencias da Información en Madrid. Foi subdirector de Diario de Galicia. Foi e segue sendo colaborador en diversos medios de comunicación galegos e españois: El País, El Ideal Gallego, Diario de Galicia e La voz de Galicia.
Como periodista estivo sempre comprometido cos problemas sociais e ecolóxicos, converténdose en socio fundador de Greenpeace. A súa actividade como defensor da natureza adquiriu unha importancia fundamental tralo desastre ecolóxico provocado polo afundimento do Prestige.
Está considerado como unha das voces máis sobresalientes da nosa literatura contemporánea, converténdose tamén nunha rara excepción dentro do panorama da literatura mundial. Polo seu manexo da linguaxe, a súa autenticidade, a tenrura das súas historias, a profunda resonancia poética da su palabra, os seus libros van ganando adeptos non só entre nós, senón entre o público americano. A súa obra literaria está escrita orixinalmente en galego. Rivas revolucionou a nosa literatura e fundou diversas revistas literarias.
Algunhas das súas obras foron adaptadas ao cine con gran éxito como: A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda), relato incluído en su novela Que me queres, amor?, ou O lapis do carpinteiro (Antón Reixa), que foi seleccionada para presentarse nos premios Goya da Academia española de cine.
Como poeta escribiu as seguintes obras: Libro de Entroido (1979), Balada nas praias do Oeste (1985), Mohicania (1987), Ningún cisne (1989) e O pobo da noite (1997).
Obras narrativas súas son: Todo ben (1985), Un millón de vacas (1989), premio da Crítica; Os comedores de patacas (1992), En salvaxe compaña (1994), Bala perdida (1996), Que me queres, amor? (1996), O lapis do carpinteiro (2001), Ela, maldita alma (1999), A man dos paíños (2000), Galicia, Galicia e A man do emigrante (2001), As chamadas perdidas (2003)
Tamén hai recompilacións de artigos e ensaios literarios como: O bonsai atlántico (1994), O periodismo é un conto (1997), Toxos e flores (1999), e Galicia, Galicia (2001).
Recibiu moitos premios, entre eles o Premio da Crítica en Galicia, o Premio Nacional de Narrativa, o Premio da Crítica Española, o Premio da sección belga de Amnistía Internacional, o Premio Torrente Ballester, o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente e o da Crítica.
xoves, 19 de novembro de 2009
Rosa Aneiros

Ola a todas e todos!
É un pracer acompañarvos neste inicio de camiño. Agora os pasos son aínda preguiceiros, os músculos non están afeitos ao cansazo e os pés tropezan turronamente contra as pedras. Pero axiña esqueceredes a lacazanería, as maniotas e as patadas, axiña o camiño se volverá amigo e os ollos voarán lixeiros por riba das palabras. Para ler o importante é crer e deixarse arrolar polas historias. Cómpre superar a barreira inicial da preguiza, de sentar diante do televisor, de falar polo móbil, de prender o ordenador. Logo, e despois de dous parágrafos xa a lectura nos atrapa e non nos deixa escapar. Vós xa destes esa primeira e importante alancada. Xa estades dentro dos libros. Agora gozade de cada palabra, de cada historia, de cada personaxe. E se algún non vos gusta, non rabiedes: hai millóns de libros máis con respostas non só aos vosos gustos, senón tamén ás vosas necesidades. Buscade, escollede, aprendede, gozade… Cada libro é un mundo coas portas abertas a que o descubrades así que só me queda desexarvos bo camiño!
Quería recomendarvos o libro Contos de Nadal, escrito por Manuel Rivas e con ilustracións de Miguelanxo Prado. Son oito historias que nos entregan unha imaxe diferente desas festas e nos reconcilian co sabor dunha barra de pan. Os debuxos fermosos de Miguelanxo Prado aduban uns contos escritos coa mestría de Rivas, ese que escribe coa orella nunha buguina e cos dedos retorcendo migallas de fariña. Xa me contaredes.
BIOBIBLIOGRAFÍA
Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación impresos e dixitais, entre eles culturagalega.org (sección “Agardando as lagarteiras”), Diario de Pontevedra, El Progreso, Galicia Hoxe, Diario de Ferrol (a través da axencia AGN), El País, Grial, Fadamorgana ou Casa da Gramática, ademais do programa “Un día por diante” da Radio Galega. En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre (2002), Resistencia (Xerais, 2003, oito edicións dende a súa publicación), O xardín da media lúa (Galaxia, 2004), Veu visitarme o mar (Xerais, 2004), Ás de bolboreta (Xerais 2009), Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil e Sol de Inverno (Xerais, 2009), Premio Xerais de Novela 2009. Ten publicados relatos nos volumes colectivos Narradoras (Xerais, 2000); Relatos (1999), Relatos gañadores do Pedrón de Ouro 1998-1999-2000 (2001) ), Seis ferroláns (2003), Alma de beiramar perdida (2003), Botella ao mar (2003) ou Narradio (Xerais, 2003). Conta, ademais, no seu haber con recoñecementos como o Modesto Rodríguez Figueiredo (Pedrón de Ouro, 1998); o Manuel Lueiro Rey (1996); o Manuel Murguía (2001), o Carvalho Calero (2001), o Premio Arcebispo Juan de San Clemente (2003), o Premio Careón 2006 ou o Premio da Crítica Losada Diéguez (2005), ademais do Premio Caixanova Francisco Fernández del Riego en 2007 polo artigo xornalístico “A última vaca”. Os seus artigos literarios están recollidos nos volumes Agardando as lagarteiras (culturagalega.org, 2003) e Ao pé do abismo (Xerais, 2007).
mércores, 11 de novembro de 2009
A proxección da película
Sorprendeunos ver algún personaxe doutra forma á como os tiñamos imaxinado: case ningún de nós os imaxinamos así. A casa/buraco de Bilbo era fantástica. Recoñecemos espisodios de O hobbit nese fragmento: cando conta aos nenos como morreron os trolls, o episodio do dragón, o anel,cando Gandalf e Bilbo fuman en pipa...
Gustounos a actividade e tamén o libro. Quedamos coas ganas de ver a película enteira. Mellor aínda: a triloxía toda!!!!!!!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)




