mércores, 20 de outubro de 2010

mércores, 13 de outubro de 2010

Fenris, el elfo



Fenris, el elfo é o libro co que iniciamos o club de lectura do curso 2010-11. Xa sabedes que é de Laura Gallego García, unha escritora que publicou moitos dos títulos que vos encantan, e por este libro levades esperando bastante tempo.

“Fenris é un elfo moi especial. Ten grandes poderes e, nas noites de lúa chea, unha forza inexplicable arrástrao ata convertelo nun ser asombroso. O seu amor por Shi-Mae e o seu enfrontamento con personaxes poderosos no Reino dos Elfos van determinar o seu futuro. Aquí comeza a súa viaxe ata a Torre, situada no Val dos Lobos”.

Biografía de Laura Gallego García



Laura Gallego naceu o 11 de outubro de 1977 e empezou a escribir cando aínda era moi nova, con 11 anos. Gañou xa en dúas ocasións o premio El Barco de Vapor. É a autora de Las crónicas de la Torre (edicións SM), Finis Mundi (o primeiro libro que publicou), La leyenda del rey errante, El coleccionista de relojes extraordinarios e Fenris, el elfo. Este último é o antecendente das crónicas, triloxía que contén El valle de los lobos, La maldición del Maestro e La llamada de los muertos.

Estes son os escasos datos que aparecen na contraportada dos seus libros, pero se queredes saber máis sobre ela, deixámosvos a dirección da súa páxina web, onde ela mesma fala da súa vida, obra... Aí dinos que o seu libro favorito de sempre é A historia interminable de Michael Ende, que é afeccionada á ciencia ficción, que lle encanta a película As viaxes de Chihiro e, como non!, o personaxe de Jack Sparrow de Piratas do Caribe. Fala tamén das súas afeccións, vídeoxogos e moitas máis cousas... Bótalle un vistazo e coñece mellor á escritora valenciana.

http://www.lauragallego.com/

mércores, 6 de outubro de 2010

Benvida a todos

Xa está en marcha, un curso máis, o noso club de lectura AO PÉ DA HORTENSIA. Estades invitados a formar parte del. De momento xa somos case 20 membros entre alumnos e profes.
O primeiro libro que imos ler é Fenris, el elfo de Laura Gallego. Este libro trata dun personaxe importante da triloxía Las crónicas de la torre, que tanto éxito ten entre o noso alumnado.

Este xoves 7 de outubro imos reunirnos todos na biblioteca do centro durante o 2º recreo. Tanto se xa es membro do club como se tes pensado selo, pásate.

venres, 11 de xuño de 2010

Actividades sobre o libro Cairo Branco de Jack London

Aquí tedes unhas actividades para que poidades continuar xogando con Cairo Branco. Se queredes velo en pantalla completa, clicade enriba da icona que está na marxe superior dereita (o cadrado que parece unha pantalla de televisón). Pasádeo ben!



mércores, 9 de xuño de 2010

Opinión de Martín

O libro é moi interesante porque se sae da temática habitual; non conta as aventuras dunha persoa senón dun animal, o que ofrece un punto de vista distinto ao lector. Amosa moi ben como a xente que nos rodea pode influir na nosa vida de xeito tan dispar. Gustoume especialmente o inicio no que nos conta a vida dos pais de Cairo Branco. Temía que ó final o can morrese pero, por sorte non foi así. De todos xeitos isto era o esperable.

Sorprendeume a vida do escritor, como puido escribir tantos libros e tan bos, saber que foi un vagabundo, mariñeiro, buscador de ouro... e que se acabou suicidando cando xa era moi popular, cousa incrible.

Opinión de Luís

Xa rematei de lelo hai un tempo. Pareceume un pouco aburrido porque había moito sentimento e descrición de paisaxes. A maior parte da historia é de cando o can ía no trineo. Aínda así houbo cachos que me encantaron como por exemplo cando querían comer aos que levaban ao morto. O peor foi ver como poñían a pelexar aos cans entre eles.