martes, 26 de maio de 2015

Xoga con Tom Sawyer

Se queres xogar con Tom ponte a proba facendo este libro lim que xa temos colgado no noso blog. Podes entrar no apartado dos libros lidos durante o curso 2010-11 (ao final da páxina) ou clicando enriba deste enlace que xa te leva alá:
 http://clubdelecturaiesmeanho.blogspot.com.es/search/label/As%20aventuras%20de%20Tom%20Sawyer
A pasalo ben!

Fragmento da película "As aventuras deTom Sawyer"

Este é un fragmento da película As aventuras de Tom Sawyer, está en inglés dobrada ao castelán. Pasádeo ben coas trasnadas deste rapaz e dos seus amigos.

Vídeo sobre Tom Sawyer

Este vídeo contén ilustracións e imaxes sobre Tom Sawyer.

Biografía de Mark Twain


Samuel Langhorne Clemen, verdadeiro nome de Mark Twain, foi un escritor e humorista norteamericano. Naceu nunha aldea de Florida, en Misuri, á que emigraran seus pais para estar preto dun próspero tío seu, John, propietario dunha tenda, unha granxa e uns vinte escravos negros. Aos catro anos, trasladáronse á vila próxima de Hannibal (Misuri), porto fluvial no río Mississippi onde realizou os seus primeiros estudos. Hannibal serviu de inspiración para a vila ficticia de San Petersburgo en As aventuras de Tom Sawyer e As aventuras de Huckleberry Finn. Nesa época, Misuri era un estado escravista e o mozo Twain estaba familiarizado coa escravitude, tema que explorou máis tarde nos seus escritos.
En 1851 comeza a publicar algúns breves relatos de viaxes no Journal de Muscatine, que pertencía ao seu irmán maior Orion. Con este irmán, viaxa por Nova York, Filadelfia e outras cidades. Ao longo da súa vida traballou de mineiro de prata, impresor, buscador de ouro, de piloto dun barco de vapor e de xornalista comezando a firmar co pseudónimo Mark Twain, adoptado dunha expresión típica dos cantos de traballo dos negros nos barcos do río Mississippi, que significa «marca dúas brazas de profundidade», o calado mínimo necesario para a boa navegación.
En 1870 casou con Olivia Langdon, o gran amor da súa vida, a quen chamou Livy. Olivia era filla dun capitalista progresista que axudou a escapar a moitos escravos.
Twain escribiu libros de viaxes, como A tramp abroad (1880) sobre unha excursión aos Alpes e á Selva Negra alemá, e o clásico Vida no Mississippi (1883) (primeira novela escrita a máquina), que se centra na súa infancia e xuventude. As súas obras mestras son dous libros, en parte autobiográficos: As aventuras de Tom Sawyer (1876), As aventuras de Huckleberry Finn (1884), nos que conta unhas aventuras cheas de vida que se desenvolven nun pequeno poboado nas marxes do Mississippi.
A desgraza cebouse na súa familia. A súa filla maior, Susy, morreu de meninxite, Livy quedou inválida e outro fillo morreu por un descoido seu, como dolorosamente conta na súa Autobiografía. Debido aos apuros económicos, o escritor sumiuse no pesimismo e na misantropía.
Fixo unha esgotadora viaxe coa súa muller por Sudáfrica, Calcuta, Australia e Nova Zelanda dando conferencias, e quedaron a vivir en Nova York. A súa muller morreu en Florencia en 1904 e seis anos despois morreu subitamente a súa filla. Deste golpe apenas se recuperou e morreu catro meses despois, o 21 de abril de 1910, en Redding, Connecticut. Só sobreviviu unha das súas fillas. A súa chegada ao mundo coincidiu co paso do cometa Halley, e coñecendo a próxima visita do mesmo, Mark Twain profetizou a súa morte coincidindo coa súa aparición, equivocouse por un día. Foi recoñecido mundialmente durante os últimos anos da súa vida e recibiu, entre outros, o doutorado honoris causa pola Universidade de Oxford (Reino Unido), en 1907.
Entre outras as súas obras pódense citar:
§ A célebre ra saltadora do condado de Caveiras (1865)
§ Contos humorísticos orixinais de Mark Twain (1872)
§ A idade dourada (1872)
§ Relatos curtos (1874)
§ Unha excursión tranquila (1878)
§ Unha aventura curiosa (1881)
§ Príncipe e mendigo (1882), novela histórica.
§ O roubo do elefante branco (1882)
§ Un ianqui na corte do Rei Artur (1889.
§ Narracións humorísticas (1892)
§ O billete dun millón de libras esterlinas (1893)
§ Tom Sawyer a través do mundo (1894)
§ Tom Sawyer detective (1897)
§ Dous detectives ante un barril (1902)
§ Conto dun can (1904)

...e moitas máis.


As aventuras de Tom Sawyer

Este foi a libro elixido neste terceiro trimestre para ler no club de lectura. Divertido, cheo de aventuras, intriga, emoción, medo e risas! Vaia, que o ten todo.
O seu autor é Mark Twain, un vello coñecido deste club de lectura.
Cóntanos as aventuras deTom, un neno que vive na beira do río Mississippi, no sur dos Estados Unidos, coa súa tía Polly e o seu medio irmán Sid. A historia está ambientada na ficticia cidade de San Petersburgo, inspirada na cidade natal do autor, Hannibal en Missouri.