martes, 12 de xuño de 2012

Xuntanzas poéticas

As xuntanzas poéticas dos xoves van dando resultados e o cadáver exquisito que están facendo os rapaces parece tomar forma. O resultado é o seguinte:` Los árboles cantan las plantas bailan la primavera alegre. De amor feliz alegres amistades alegres gentes con su risa. Que se rían de la verdad, que se rían de la mentira. Entonces yo pensé que si tira mentiras así ojalá sola se quede la que a los demás desprecia que la juzgue la aurora porque ya es la hora. Non está nada mal, eh? Na imaxe vemos a algúns membros do club durante a última reunión, na que cadaquén foi indicando o seu poema favorito dos lidos. Luís, que aparece na imaxe, escolleu un poema de Xavier Santiago do seu libro Derrapa e cai que aparece na antoloxía poética Poetízate de Fran Alonso. Este é o poema que el escolleu: Unha moto que vira para a esquerda derrapa e cai / Unha moto que vira para a dereita derrapa e cai / Unha moto que segue de fronte derrapa e cai / Unha moto que frea derrapa e cai / Derrapa e cai é un sentimento xeneralizado / DERRAPA E CAI é un champú de brea / e máis po para emporcallar o pelo / Derrapa e cai é un filme de intriga e terror / no que o chico despois de salvar a chica ama-a para sempre / ou polo menos deica a segunda parte / DERRAPA E CAI é unha marca de tabaco / Derrapa e cai é o libro de memorias de Ángel Nieto / publicado por fascículos nunha revista do corazón / DERRAPA E CAI é un composto de óleo / para manter frescas as estradas.

Xincana dixestivo-literaria

Xa empezaron os distintos grupos do centro a facer a xincana polo instituto. Está relacionada coa actividade da comida na literatura: "Devora un libro... aliméntate de historias". Andan percorrendo o centro en busca de respostas de todo tipo. Hai preguntas literarias (títulos de libros, nomes de autores e personaxes,...), pictóricas (nome de pintores, cores que utilizan nos cadros,...), nutricionais (aportes calóricos,...), científicas (molécula de cianuro...), matemáticas (pesos e medidas...), xeográficas, alimentarias... e moitísimas máis que está mantendo entretido e pensando ao noso alumnado. Aquí vos deixamos unhas fotos da actividade. Na imaxe superior vemos como Maxi, Alfonso e Cristian buscan respostas no panteón da condesiña. Agora son Lidia, Sara e Iria as que o fan na mesa dedicada ao mar, mentres Óscar observa a escena apoiado na súa muleta. Yolanda, Saray e Cristina buscando respostas no almorzo de Los cinco se escapan. Foto xeral que ilustra moi ben a competitividade entre o alumnado, de feito, algún grupo agochou o libro de Laura Esquivel, Como auga para chocolate, debaixo do sombreiro mexicano. Se non atopades algo do que se vos pregunta, buscade ben, porque todas as preguntas teñen a solución enriba da mesa!!!

mércores, 6 de xuño de 2012

Charla de Carlos Negro

O xoves 21 de maio veu visitarnos o escritor Carlos Negro para falarlles ás mozas e mozos de 3º da ESO do seu libro Makinaria, o cal leron na clase e sobre o que traballaron. Foi moi emocionante oír de novo os poemas pero desta vez por boca do seu autor. Poucas veces contamos con este privilexio, moitos autores veñen e fálannos de como crearon a súa obra, ou falan da súa vida, pero neste caso Carlos recitounos poesía, a súa poesía tal e como a percibe. Pero non só iso, tamén nos concienciou, sobre todo ao alumnado, e dun xeito moi visual, do dramática que pode ser a velocidade. Makinaria é un libro dirixido a estes mozos e mozas que sente que todo lles sabe a pouco, que chocan coas xeracións anteriores, que ven o futuro moi escuro e buscan unha saída atolada á súa vida. Gustounos o libro e gustounos a charla, e para demostralo deixámosvos unhas imaxes. Como podedes ver, atendían con moito interese. Ademais os rapaces e rapazas tiveron que traballar sobre o libro, e debían escoller cadanseu poema e plasmalo plasticamente. A forma de facelo debían escollela eles e houbo maioritariamente cartolinas con imaxe e texto, pero tamén houbo quen fixo un fermoso power point (Iria Ásperez e María Castro) e un vídeo Paula Reiriz e Enma González). Intentaremos colgalos en breve. Aínda que esta charla estivo organizada polo Departamento de Lingua e Literatura Galega xunto con Normalización Lingüística, non hai que esquecer que boa parte do club de lectura estivo alí, pois hai bastante alumnado de 3º entre nós. E precisamente coincide coas lecturas de poesía deste trimestre.