venres, 27 de abril de 2012

E que se comerá por aí?

Continuamos coa nosa actividade sobre a comida na literatura, que demos en chamar: Aliméntate de historias... devora un libro. A sección de comida internacional subtitulámola: "E que se comerá por aí?". Neste caso a exposición centrouse en tres continentes: África, América e Asia. Como podedes ver na imaxe colocamos xuntas as tres mesas co mapa mundi de marco.
A comida africana quedou representada co libro Mas allá del mar de arena de Agnés Agboton, que nos conta a experiencia dunha muller de Benin que se traslada a vivir a Barcelona e quere explicarlles aos seus fillos a cultura de África e as súas vivencias. Neste libro fálase de comida, como non, e quedamos con dúas receitas que dá a autora: a dos cacahuetes torrados en area de praia e a do "Man n'sonu", unha salsa de verduras con cangrexo, gambas e peixe afumado... Ese día, durante a lectura xantamos cacahuetes que nos levaron a unha esquina de África.
Na mesa de África ofrecemeos información sobre o valor nutricional dos cacahuetes, do cuscús e da cerimonia do té no norte de África. De alí marchamos a Xapón con Hiromi Kawakami e o seu libro "El cielo es azul, la tierra blanca. Una historia de amor". E con el sentamos na barra dun bar para comer "atún con soia fermentada, raíz de loto salteada e chalota asada." Pero tamén bebemos "unha botella de sake", tomamos "un prato cun cachiño de balea e unha cunca onde só quedaban restos de algas". Na mesa de Xapón colocamos información abondosa sobre as algas e demos a coñecer as que temos en Galicia e como se van tamén introducindo na nosa cociña. E do ritual do té en Xapón. Que comemos durante a lectura do libro de Kawakami? Mandarinas... non nos atrevemos co sushi, foi unha pena!!!!
De Asía demos un chouto a América, en concreto marchamos a México con Laura Esquivel e a súa obra "Como auga para chocolate". Este libro serviunos como remate das lecturas, pois reservamos un capítulo para cada día. Por suposto cada día comemos algo relacionado con ese país: tortitas, guacamole, chourizo picante, nachos,... Na mesa de México explicamos cal era a base da súa comida e o seu valor nutricional. Algún día, como o tempo acompañaba, lemos e comemos fóra, no noso xardín.